O Cluster TIC celebra o vindeiro xoves o seu encontro de negocio e networking
venres, 10 de febreiro do 2012
As oportunidades están aí, para quen queira aproveitalas, pero non cabe dúbida de que tamén se fomentan. O eido da actividade empresarial TIC non é unha excepción a isto: facendo fronte común, participando e traballando en rede, increméntanse as opcións de abranguer mercado. Ou sexa, rendibilízase o talento. Este é o alicerce da Xornada de Negocio e Networking que organiza, o vindeiro xoves 16 de febreiro, o Cluster TIC de Galicia, baixo un epígrafe que fala por si só: Facendo nacer as oportunidades.
O evento desenvolverase a partir das 9.30 horas no Hotel Os Abetos de Santiago, e dará acubillo a algúns dos principais representantes do noso tecido produtivo ligado ás novas tecnoloxías da información. O obxectivo será a todas luces común: materializar unha axenda de contactos que posibilite pór en marcha novas iniciativas ou oportunidades para o medre empresarial.
Máis en concreto, a xornada prográmase coa finalidade de dar coñecer, tanto dende o punto de vista persoal como do profesional, ás persoas asistentes. Este obxectivo, que se propón “como primeiro paso para poñer en marcha oportunidades de negocio”, collerá corpo a través dunha serie de xuntanzas entre os participantes, co fin de que, ao cabo da xornada, cada un deles teña mantido unha entrevista persoal con cada un dos outros e das mesmas poidan xurdir posibles clientes, socios, colaboradores ou ben provedores cos que cooperar nun proxecto futuro.
O prazo para inscribirse nesta xornada xa está aberto, e as persoas interesadas en asistir atoparán a folla de inscrición na web da entidade organizadora.
Tamén se poden poñer en contacto coa administración do Clúster a través da dirección, info@clusterticgalicia.com ou por teléfono chamando ao 981 569 893.
O prezo da xornada é de 39 euros para os socios e de 59 para as persoas non asociadas, incluído o almorzo.
O programa de actividades é o seguinte:
9:30h. Recepción dos participantes
9:45h. Presentación da xornada
10h. Primeira rolda de encontros bis a bis
12h. Café
12:30h. Segunda rolda de encontros bis a bis
14:30h. Almorzo
