O Clúster TIC abre o prazo para participar en Capital Network 2015
xoves, 25 de xuño do 2015
O
Clúster
TIC Galicia vén
de abrir
o prazo para presentar proxectos á edición 2015 do CCN
| Clúster TIC Capital Network,
iniciativa para facilitar o coñecemento e contacto entre
emprendedores TIC e investidores privados e que constitúe, en
palabras da plataforma empresarial,
“unha oportunidade para dar apoio á creación e ao medre
de empresas de base tecnolóxica en Galicia”. Desta
volta,
a iniciativa dará
acubillo a
unha xornada de achado
de novos proxectos empresariais na que as startups
participantes poderán presentar ante investidores privados as súas
ideas de negocio.
Segundo
informa o Clúster sobre o procedemento de aprobación de propostas,
“dado
que as prazas para a xornada son limitadas, os proxectos empresariais
que
amosen
interese en participar na iniciativa pasarán un sinxelo filtro para
escoller as iniciativas
que se adapten ás características e as posibilidades de
financiamento
dos investidores privados asistentes”. De especial interese son os
proxectos xurdidos nos grupos de investigación das universidades que
conten con patentes ou con propiedade intelectual rexistrada, engade
a plataforma, que explica que os
proxectos que superen o
devandito
filtro participarán na xornada final de presentación ante os
investidores co obxectivo de acadar o financiamento preciso
que lles permita sacar adiante a súa idea de negocio.
O
Clúster tamén lembra que o
pasado mes de novembro constituíse
o Club de Investidores no que participan, até o de
agora,
oito empresas socias que son Altia Consultores, Bahía Software,
Clictic, Imatia Innovation, Grupo Itelsis, JDLV Inversores, Plexus e
R; e que asumiron o compromiso de investir, cada un, un mínimo anual
de 50.000€ en startups
galegas
baseadas nas TIC.
Ademais de apoio financeiro, o Club
fornece
asesoramento en áreas técnicas e de xestión aos proxectos
empresariais incipientes. O
primeiro investimento da
alianza fíxose
o pasado mes de maio no proxecto empresarial Centum
Research & Technology,
compañía especializada no deseño, desenvolvemento e
comercialización de sistemas aeronáuticos de misión, tanto para
plataformas aeronáuticas tripuladas como drons, que se dirixen
principalmente a operacións no ámbito das emerxencias
e a seguridade.
As
startups
seleccionadas, como
dixemos,
participarán na xornada de descubrimento de proxectos que se
celebrará na última semana de xullo, na que terán a ocasión de
facer unha presentación individual da súa idea de negocio ante o
Club de Investidores do Clúster TIC Galicia así coma outros
investidores públicos e privados invitados. A
xornada está co-financiada polo Instituto Galego de Promoción
Económica (IGAPE) a través da convocatoria 2015 de Axudas para
Proxectos de Iniciativas Abertas de Difusión co-financiadas polo
Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia.