O Clúster TIC abre as portas a novos axentes e certifícase nunha meirande participación dos membros

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

Celebrouse este xoves a asemblea xeral extraordinaria do Clúster TIC de Galicia, unha xuntanza da que, entre outras cousas, extraeuse un afianzamento do “enfoque empresarial” da plataforma. Ou sexa, que haberá máis portas abertas para as novas empresas e axentes e máis diálogo activo (cada membro contará máis). Así se desprende da aprobación por unanimidade dos novos estatutos da entidade, cambios que en palabras do Clúster “son o froito dun longo traballo no seo da organización e teñen por obxectivo facilitar a incorporación de socios, mellorar e axilizar a operatividade administrativa, eliminar duplicidades nos órganos de dirección, fortalecer a participación das empresas e ampliar o tecido colaborativo”.
A asemblea, na que estiveron representados o 80% dos integrantes da plataforma, concedeu poderes de rexistro dos novos estatutos ao actual comité de dirección e estableceu un prazo de tres meses para a convocatoria dunha nova xuntanza na que se desenvolverán as eleccións aos órganos directivos. Polo que respecta aos cambios fixados nos estatutos, segundo informou o Clúster logo do remate da xuntanza de onte, son os seguintes:
· Nova clasificación dos socios en dous grupos: por unha banda socios xerais que abranguerán as empresas grandes (con facturación igual ou superior a seis millóns de euros ao ano), as empresas pequenas (con facturación inferior a seis millóns) e máis as asociacións empresariais, os colexios profesionais e os centros tecnolóxicos, e por outra banda socios especiais, categoría que acubillará os emprendedores, empresas de nova creación e outras entidades de tipo diferente aos devanditos.
· O comité de dirección pasa a ser o único órgano executivo e operativo. Terá un mínimo de catro membros e un máximo de 17, que serán elixidos en asemblea xeral entre os socios de pleno dereito, e con paridade entre as empresas grandes e pequenas.
· O comité estratéxico redefínese como órgano de consulta e asesoramento, e todos os socios serán elixíbeis para formar parte del. Asemade, a participación estará aberta a todas aquelas persoas ou entidades que se consideren de interese e que sexan convidadas pola presidencia.
· No proceso de elección á presidencia, tódolos socios terán dereito a voto, a razón de un voto cada un, e serán elixíbeis todos os socios de pleno dereito.
· A elección dos membros do comité de dirección farase en votación diferente á da presidencia, e cada grupo de empresas (grandes e pequenas) elixirá aos seus representantes. As asociacións, colexios e centros tecnolóxicos decidirán previamente a que grupo presentan candidatura e por que grupo votan.
· As comisións de traballo terán carácter permanente, creándose e disolvéndose por iniciativa do comité e dirección, mentres que os grupos de traballo terán carácter temporal e deliberarán sobre materias tecnolóxicas ou de interese para o sector.

PUBLICIDADE