O Clúster TIC Galicia xunta forzas coas restantes organizacións excelentes da nosa terra

xoves, 17 de setembro do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia está a xuntar forzas coas restantes organizacións análogas da nosa terra co obxectivo de xerar novas alianzas e mellorar ao prestixio e a produtividade das empresas integrantes. Este pacto cos restantes clústeres excelentes galegos (nove máis o Clúster TIC) formalizouse e fíxose publico o pasado 8 de setembro, baixo o epígrafe Unidos para ser máis competitivos.
Baixo o novo selo acubíllanse as plataformas dos sectores da acuicultura, a alimentación, o audiovisual, o motor, o ámbito gráfico, o granito, a madeira, o naval, o téxtil e as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Xuntos, “os clústeres poñen cara a máis de catro anos de traballo para fraguar este proxecto común”, informaron.
Este consenso xorde grazas ao pulo do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) a través do proxecto ATClusters Galicia. Como vogal da marca elixiuse a Rosa Méndez, xerente do Clúster TIC Galicia, para a presentación deste pacto entre sectores innovadores galegos, unha rede de clústeres excelentes que representan, no seu conxunto, a case 9.000 empresas que suman unha facturación equivalente ao 75% do PIB de Galicia e que xeran o 20% dos postos de traballo.
A unión, sinalaron, permitirá xerar alianzas e mellorar a competitividade das empresas socias. “Un potencial que nos facilitará o achegamento a novos nichos de negocio e ao espallamento internacional, ao tempo que se xerarán oportunidades para a creación de novos proxectos empresariais”, explicaron os participantes e promotores da nova marca.

PUBLICIDADE