O Cluster TIC Galicia organiza unha Xornada de Negocio e Networking en Compostela
martes 17 de xaneiro do 2012, por |
Empresas, profesionais e persoas emprendedoras en xeral con interese nas novas tecnoloxías, veñen de ser convocadas polo Cluster TIC Galicia á primeira edición da Xornada de Negocio e Networking, que celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de febreiro.
A entidade organiza esta xornada baixo o lema Facendo nacer as oportunidades, sabedora de que será un punto de encontro efectivo entre profesionais, empresarios e emprendedores do sector que teñen moito que aportarlle uns aos outros en materia de cooperación empresarial.
Máis polo miúdo, a xornada ten un obxectivo moi definido: dar a coñecer persoal e profesionalmente ás persoas asistentes, “como primeiro paso para poñer en marcha oportunidades de negocio”, indican os seus responsables.
Para iso, todas as persoas participantes manterán entre si encontros cara a cara, a fin de que, ao cabo da xornada, cada un dos participantes teña mantido unha entrevista persoal con cada un dos outros e da mesma poidan xurdir posibles clientes, socios, colaboradores ou provedores cos que cooperar nun proxecto futuro.
O prazo para inscribirse nesta xornada xa está aberto, e as persoas interesadas en asistir atoparán a folla de inscrición na web da entidade organizadora.
Tamén se poden poñer en contacto coa administración do Clúster a través da dirección, info@clusterticgalicia.com ou por teléfono chamando ao 981 569 893.
O prezo da xornada é de 39 euros para os socios e de 59 para as persoas non asociadas, incluído o almorzo.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com


















