O Cluster TIC Galicia intégrase na rede europea ATClusters

luns, 21 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Cluster TIC Galicia, asociación sen ánimo de lucro creada no noso país con vistas a vertebrar o sector galego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, vén de ver cumprido un dos seus principais obxectivos, ao integrarse no proxecto europeo de cooperación ATCluster, creado para impulsar o desenvolvemento deste tipo de organizacións na área atlántica.
Segundo informan dende a entidade, ATClusters traballa, entre outras cousas, na identificación de boas prácticas, na análise das condicións políticas que favorecen os agrupamentos empresariais e na exploración de vías de cooperación entre eles; así como, e en definitiva, “na promoción da creación e desenvolvemento de clusters e meta-clusters nos países europeos da área atlántica”.
Dende febreiro de 2010, o Cluster TIC Galicia concentra os seus esforzos en poñer en valor o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (que na nosa Comunidade representa o 2,15 por cento do PIB) algo que se consegue pasando por darlle pulo á colaboración entre as empresas e coordinando esforzos nun mesmo obxectivo.
Agora, coa integración da entidade galega en ATClusters, esta tarefa vai resultar máis doada de materializar e supón, en palabras do seu presidente, Rafael Valcarce, “un paso máis no traballo que desde o noso Cluster se está a facer para implantar modelos de xestión excelentes, que nos permitan ofrecer aos nosos asociados ferramentas e servizos para impulsar a súa competitividade e o crecemento do seu negocio, respondendo a necesidades como o financiamento, a formación ou a internacionalización”.
Valcarce asegura que a integración en ATClusters aportaralle, asemade, “un mellor coñecemento” do traballo que están a desenvolver organizacións similares ao Cluster TIC Galicia noutros países europeos, e neste senso, formar parte da mesma asociación axudaralle a sumar forzas para que “a nosa voz sexa oída pola sociedade civil e os nosos lexítimos intereses sexan tidos en conta nas decisións políticas”.
Esta rede cooperativa está liderada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), en colaboración coa Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan), a South West Rexional Authority de Cork (Irlanda), o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa), a Agência de Desenvolvemento Rexional do Vale do Ave (Portugal) e a sociedade Bretagne-Innovation (Francia).

PUBLICIDADE