O Clúster Audiovisual adestra aos nosos profesionais en tecnoloxías de vangarda para contornas broadcast

martes, 28 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual de Galicia vai formar aos profesionais do sector en metodoloxías e ferramentas que lles permitan modernizar os seus procesos e facelos máis eficientes, rendíbeis e de calidade. Estamos a falar do curso Dixitalización en contornas broadcast e de produción que se celebra o vindeiro mes de outubro en Teo (A Coruña) co obxectivo de achegar aos participantes ás novas tecnoloxías que se poñen en marcha nos procesos de dixitalización da contorna broadcast, ou sexa, na difusión masiva de contidos audiovisuais a través das redes informáticas.
Esta acción formativa, de 30 horas de duración, celebrarase os luns 8, 15, 22 e 29 de outubro na sede da produtora CTV, en Teo, en horario de mañá e tarde. O curso será impartido por Ricardo Cuenca e Jose Barambio, enxeñeiros ambos da empresa Crosspoint. Co apoio do IGAPE, o Cluster Audiovisual oferta un total de 18 prazas, que serán cubertas por orde de inscrición. Os participantes neste curso poderán beneficiarse dos descontos do crédito á formación continua da Fundación FUNDAE.
Amais dos devanditos obxectivos, o curso busca achegar aos participantes ás principais novidades tecnolóxicas do sector, a fin de que “teñan claro cales son as aplicacións que veñen utilizando nos últimos anos e cales están a se introducir actualmente no mercado no proceso de dixitalización”. Tamén se busca fornecer coñecementos máis específicos sobre este tipo de tecnoloxías, novos estándares e formatos a fin de “que o traballador consiga unha formación máis profunda sobre a utilización e desenvolvemento destas ferramentas incluídas na dixitalización”.

PUBLICIDADE