O Clúster Audiovisual Galego e R comprométense a prol dun novo xeito de ver a televisión: o interactivo

venres, 16 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A televisión dixital, amais das maiores calidades de son e imaxe que achega, ten unha característica que probablemente sobresaia por riba de tódalas demais: a interactividade. Así o entende Antón Reixa, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e entende tamén que as empresas galegas do sector (de contidos, enténdese, pero tamén tecnolóxicas) teñen que pórse ó día nas posibilidades desa meirande interrelación entre a pantalla e o espectador. Ó seu xuízo, a interactividade vai cambiar para sempre e radicalmente o noso xeito de entrar en contacto coa televisión. Así se expresou Reixa no transcurso da presentación en Santiago (no Club Internacional de Prensa) dun acordo coa Fundación R destinado a habilitar unha oficina que promova esta anovadora televisión en Galiza.
Será un observatorio tecnolóxico encamiñado pórnos ó día de todos estes avances”, comentou, e engadiu, respecto deste terreo común no que se están a mover o Clúster e máis R: “A filosofía do Clúster é a de ser un club de negocios, sendo R un dos nosos asociados, moi vinculado á Investigación e o Desenvolvemento, ás redes e ós novos formatos e canles do audiovisual”.
O proxecto, no que o operador galego (a través da dita Fundación) vai concorrer con 23.000 euros até finais de 2007, vaise pór en marcha de xeito inmediato, fomentando proxectos interactivos. A oficina tamén terá un espazo virtual, concretamente na web do Clúster Audiovisual Galego. Máis polo miúdo, os seus obxectivos son os seguintes:
· Ofrecerlles asesoramento e apoio a todas as empresas audiovisuais que teñan interese en desenvolver formatos interactivos.
· Subministrarlles información sobre axudas e subvencións para os proxectos e suxerirlles canles de desenvolvemento dos seus negocios.
Interactividade: agora ou nunca
Por dicilo dalgún xeito, a interactividade é un xeito de implicar ó espectador e, tamén, un modelo de negocio de gran interese para tódalas empresas que producen contidos ou que os transmiten. Mais é un modelo de negocio que se move, que evoluciona, e que require dos axentes que van traballar nel (ou que traballan nel) unha constante atención nas súas posibilidades. Pola súa parte, o espectador xa nunca será o mesmo: el será quen decida que, como e cando quere que lle sirvan os contidos. “Poderá interactuar co seu televisor e até requirir máis información sobre as temáticas ou protagonistas do que está a ver; o espectador, en definitiva, deixa de ser un suxeito pasivo”, informaron o Clúster e máis R durante a presentación do seu acordo.

PUBLICIDADE