O Club Financeiro Vigo organiza esta semana unha sesión dupla sobre as vantaxes do software libre

martes, 28 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Salón de actos da entidade empresarial viguesaO Foro da Sociedade da Información do Club Financeiro de Vigo está a organizar unha serie de actividades formativas de interese no eido das novas ferramentas dixitais. En primeiro lugar, este mércores 29 de outubro, a entidade galega ten programadas dúas sesións dirixidas –por unha banda- ás pequenas e medianas empresas en xeral e –pola outra- ás firmas do sector das novas tecnoloxías. Ámbalas dúas xuntanzas teñen un denominador común: o software libre e as súas vantaxes para o noso ámbito económico, tanto no que se refire á xestión interna como (sobre todo) no que atinxe á nova busca de mercados e posibilidades.
Nas xornadas, que contan coa colaboración de Caixanova, está prevista a presenza dalgúns dos máis recoñecidos especialistas galegos en materia de software libre. É o caso de Roberto Brenlla, socio fundador de Agnix e promotor de GNU/Linux para O Pobo, que participará na sesión primeira (a dedicada ás empresas en xeral, sexan do sector que sexan), que dará comezo a partir das 10 horas e que contará tamén coa intervención de Manuel Velardo, responsable de proxectos de Cenatic.
Polo que respecta á segunda das sesións, dicir que está prevista para as 17.00 horas e que, como dixemos, vai orientada principalmente ó sector TIC.
Ao longo da segunda actividade achegaranse unha serie de casos de éxito no aproveitamento do software libre como soporte e miolo dun novo tipo de comercio, ben poñendo produtos informáticos abertos no mercado, ben ofrecendo servizos de formación e consultoría apoiados neles. Participan na xornada Roberto Moreda, director de Allenta Consulting, Javier Vázquez, presidente de Agasol, Carlos Suárez, director xerente de Edisa, e Nicolás Osuna, responsable de marketing de Velneo.
Xornada sobre promoción na Rede
O Club Financeiro de Vigo tamén ten prevista (dentro do Foro da Sociedade da Información) unha nova xornada dirixida a achegar métodos, ferramentas e canles para tirar un meirande partido da Rede no eido da promoción de produtos ou servizos. A sesión, que se desenvolverá o vindeiro 4 de novembro, vai contar coa colaboración de Caixanova. Está prevista a concorrencia na xornada de empresas galegas senlleiras no sector TIC, como por exemplo Visual Publinet, Elogia Media ou Krasis, que manterán –ao longo do tempo da sesión- encontros técnicos cos representantes das empresas asistentes. O seu título é: Marketing en Internet, pequenos investimentos, grandes beneficios.

PUBLICIDADE