O CiTIUS prepara a xornada de demostración Inside The Lab

luns, 22 de xuño do 2015 Redacción

O vindeiro 3 de xullo terá lugar no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) o encontro Inside The Lab, unha xornada de presentación de tecnoloxía na que se amosarán os resultados de investigación únicos obtidos ao longo dos últimos anos nese centro senlleiro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), moitos deles á vangarda da innovación mundial. E que meta se persegue con esta xuntanza? O obxectivo fundamental desta demostración é presentar algunhas das solucións de alta calidade que actualmente nutren a oferta tecnolóxica do centro, con aplicacións en múltiples eidos da actividade industrial.
O traballo desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS está a transformar resultados científicos en tecnoloxías innovadoras, o que representa unha extraordinaria oportunidade para o sector empresarial, xa que achega valor ao tecido produtivo e contribúe á mellora da calidade de vida.
Inside The Lab levarase a cabo ao longo da mañá do venres (entre as 10 e as 14 horas), e a súa estrutura reproducirá o formato dunha xornada de portas abertas, polo que non haberá unha axenda con horarios prefixados. Á súa chegada, os visitantes recibirán un plano coa situación dos distintos puntos informativos.
En total serán 16 demostradores científicos os que se amosarán, incluíndo 2 spin-off do centro: Cilenis, especializada en tecnoloxías da linguaxe, e Situm, cuxo núcleo de negocio son as tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores. Toda unha exhibición de sistemas innovadores que abranguen ámbitos de aplicación tan diversos como a diagnose asistida a través de imaxe médica 3D, a utilización de sensores intelixentes en agricultura ou o control de calidade mediante a análise de imaxe espectral.
Engadir que serán os propios emprendedores quen presenten os produtos comerciais que ambas as dúas startups teñen actualmente non mercado, defendendo ante os visitantes as vantaxes de apostar por estas compañías.
Para participar nesta xornada, o único requirimento é inscribirse previamente na web do CiTIUS antes do 3 de xullo.

PUBLICIDADE