O CiTIUS loce hoxe músculo na xornada Inside the Lab
venres, 14 de xullo do 2017
Hoxe
celébrase no CiTIUS da Universidade de Santiago unha xornada que é,
en si mesma, unha boa oportunidade para amosarmos ao futuro das novas
tecnoloxías. Ou sexa, para asomarnos a todas aquelas cousas que as
tecnoloxías nos van axudar a facer dun xeito máis rápido, eficaz e
rendíbel. Cousas como por exemplo vixiar polo miúdo a nosa saúde
cardíaca (a través dun electrocardiograma que non é máis grande
ca un cartón de crédito) ou protexernos de acosadores ou
terroristas (mediante un complexo e avanzado sistema de rastrexo que
os detecta nas redes sociais). Todo
isto e máis poderemos velo, in situ, na terceira edición de
Inside the Lab, un encontro de portas abertas dos investigadores
do CiTIUS cos representantes da nosa industria e das nosas
administracións.
Inside
the Lab, para que nos fagamos unha idea do que representa, é unha
xornada intensiva de transferencia tecnolóxica: unha oportunidade
para tender pontes entre o CiTIUS e o mundo que ten ao seu arredor.
Trátase, ademais, dunha fórmula de éxito, tal e como quedou
manifestou nas anteriores convocatorias, nas que se selaron
importantes acordos con compañías estatais e internacionais.
Entre
as cousas que o sector empresarial e as administracións poderán
coñecer atópanse sistemas para a captación de enerxía do ambiente
co fin de abastecer tecnoloxías médicas bioimplantábeis,
algoritmos para a detección precoz de persoas en risco de padecer
depresión ou solucións baseadas na técnica LIDAR para a detección
e identificación de edificacións. En palabras do CiTIUS, trátase
“dunha ampla gama de resultados transferíbeis en múltiples
ámbitos, escollidos polo miúdo co obxectivo de cubrir distintas
necesidades do sector industrial e da sociedade”.
O
encontro contará, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs
creadas por investigadores do CiTIUS: Situm,
que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías
de xeoposicionamento en interiores, e Imagames,
empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación
de empregados e estudantes, ou a mercadotecnia dixital.
Segundo
informou os días pasados o CiTIUS, amosaranse e probaranse, en
total, unha decena de solucións tecnolóxicas de última xeración,
todas elas orixinais e singulares, non apoiadas nin xurdidas de
probas e desenvolvemento doutras entidades e centros.
Unha
destas solucións é Minería de datos para a detección temperá de
riscos. Este proxecto, que posibilita a análise pormenorizada de
textos nas redes sociais para achar ameazas antes de que se produzan,
ten unha manchea de aplicacións, sobre todo ao abeiro dos corpos de
seguridade. A través desta tecnoloxía, poden facer cousas como
localizar depredadores sexuais a través de rastrexos nas redes, ou
ben pederastas ou terroristas islámicos. Asemade, o sistema achega
potencial para localizar potenciais suicidas, líderes de seitas ou
persoas que animen a outras sobre os supostos beneficios da anorexia.