O Cheque Dixital pecha mañá a súa segunda convocatoria

mércores, 29 de setembro do 2021 Redacción

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións da Autoescola Sálvora en Vilagarcía, onde puxo en valor a adaptación e a aposta do tecido produtivo da comarca pola dixitalización, na procura da mellora continua da súa competitividade.
Así, durante a visita, Guldrís salientou as posibilidades que ofrece a pemes e autónomos galegos o Cheque Dixital, que mañá pecha a súa segunda convocatoria e que, como sucedera na primeira, ten dado mostras “dun gran interese” por parte do tecido empresarial. Así, expuxo o director do Igape, as axudas facilitarán o desenvolvemento de proxectos de mellora dos procesos dixitais dos beneficiarios.
É o caso de Autoescolas Sálvora, que grazas á primeira edición ao Cheque Dixital iniciou un cambio tecnolóxico que lle permitiu a implantación dun sistema informático nas súas cinco sedes (Vilagarcía, Vilanova, Sanxenxo, Cangas e a Illa de Arousa), co que agora pode atender os clientes online, facilitando a través da web a contratación e os pagamentos, así como o desenvolvemento das clases teóricas.
Este é un dos proxectos apoiados o ano pasado no Salnés a través do Cheque Dixital, un programa que impulsou, na primeira edición, 126 iniciativas na comarca que sumaron investimentos superiores aos 500.000 euros, contribuíndo así á adaptación tecnolóxica do tecido produtivo. Así, só en Vilagarcía se promoveron 36 proxectos no marco desta liña, outros 35 en Sanxenxo, 17 no Grove ou 13 en Vilanova.
Neste marco, Guldrís resaltou que coa segunda convocatoria do Cheque Dixital, a Xunta aspira a chegar en Galicia a máis de dun milleiro de autónomos e pemes. Desta volta, a liña suma un orzamento de 4M€, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.
Poden aspirar a estes apoios as pemes e autónomos do sector servizos e tamén as entidades do tecido asociativo e empresarial galego. Os gastos realizados deberán ascender a un mínimo de 1500 euros, chegando a un máximo de 12.000 euros, e cubrindo a liña ata o 80% do custo dos proxectos, coa posibilidade de obter un anticipo sen garantías pola metade da axuda.

PUBLICIDADE