O Certame Universitario Arquímedes outorga o primeiro premio a Iñaki Amatria, estudante da UDC

xoves, 14 de setembro do 2023 S. P.

O primeiro premio no XX Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica do Ministerio de Universidades xa ten galardoado, trátase de Iñaki Amatria Barral, estudante da Universidade da Coruña, que foi recoñecido na área de Enxeñería e Arquitectura polo traballo titulado pRIblast: Unha Aplicación Paralela e de Alta Eficiencia para a Predición Extensiva de Interaccións lncARN-ARN, titorizado polos investigadores do CITIC Jorge González e Juan Touriño. Este proxecto atópase inserido na aplicación da supercomputación ao eido da bioinformática.
O dito premio está dirixido a estudantes de grao ou máster matriculados nalgunha universidade española e ten como recompensa 6.000 euros para o alumno e 2.000 para os seus titores.
Iñaki Amatria é graduado en Enxeñería Informática na Mención de Enxeñería de Computadores e Máster en Computación de Altas Prestacións pola UDC.
En canto ao Certame Arquímedes, dicir que ten como obxectivo fomentar a investigación científica entre os estudantes universitarios, polo que recoñece traballos das áreas de Ciencias Biolóxicas e Biomédicas; Ciencias Experimentais, Exactas e Ambientais; Ciencias Sociais e Humanidades, e Enxeñería e Arquitectura. Outórganse un total de 28 premios con dotación económica, tres estancias en centros de investigación e seis premios a titores. Nesta edición presentáronse 530 traballos de diversas universidades, tanto públicas como privadas.


PUBLICIDADE