O Centro de Supercomputación de Galicia inaugura as xornadas informativas sobre Horizon 2020

martes, 6 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) está a preparar unha serie de xornadas informativas por toda Galicia. Estes encontros darán comezo este mércores 7 de maio baixo o título de Horizon 2020: oportunidades de financiamento (Sociedades Seguras), tendo lugar no Centro de Supercomputación de Galicia (Santiago de Compostela) de 10 a 13 horas. Asemade, tamén se poderá seguir esta xornada a través de vídeo conferencia en Vigo, na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo (Área Portuaria de Bouzas, s/n).
Os temas a tratar neste encontro serán: as oportunidades de financiamento que achega o Programa Horizon 2020 no eido da seguridade, as principais claves para acadar propostas con éxito amais de expoñerse as axudas e servizos de apoio á GAIN. Varios serán os relatorios levados a cabo nesta xuntanza: Da estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3); Sociedades Seguras: Oportunidades de financiamento en Horizon 2020 e regras de participación; Axudas da Axencia Galega de Innovación á participación das PEME galegas en programas europeos e nacionais de I+D+I. Os bonos de innovación; Servizos e ferramentas de apoio da Axencia Galega de Innovación á participación galega en programas europeos de I+D+I.
O programa Horizon 2020 conta cun orzamento de 76.880 millóns de euros para o período 2014-2020 sendo o principal instrumento co que contará a Unión Europea para abranguer os principais retos sociais: promover o liderado industrial e reforzar a excelencia da súa base científica a través da investigación e a innovación.
A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) define de xeito coordinado e conxunto a estratexia para a investigación e a innovación baseada no concepto de Especialización intelixente.
Para máis información cómpre pórse en contacto no teléfono 986269700 ou a través do correo electrónicoctecno@zonafrancavigo.com. No caso de querer inscribirse é preciso encher o formulario habilitado na ligazón específica para tal efecto. Aqueles que desexen coñecer polo miúdo os contidos da xornada Sociedades Seguras poden consultar o programa do evento.

PUBLICIDADE