O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC inaugurarase cun evento sobre IA e big data

mércores, 11 de outubro do 2023 Redacción

O venres 20 de novembro terá lugar a inauguración do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC na Coruña, primeiro edificio deste enclave tecnolóxico, que en 5.000 metros cadrados quere converterse en punto de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC, facilitando o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. Tras o acto de inauguración oficial desenvolverase un evento organizado polo Clúster TIC Galicia que baixo o título de IA e Empresa pretende afondar na intelixencia artificial e na big data aplicadas á empresa a través de distintos relatorios de expertos TIC de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Telefónica.
O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, moderará a primeira charla, na que intervirán Alberto Pan e Daniel Lender, CTO e CFO de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicarán como evolucionou a súa tecnoloxía dende a súa fundación no ano 1999, analizarán as tendencias do mercado e falarán sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.
Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, será a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalará os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente, que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade. David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportará a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións.
Posteriormente, Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil, afondará na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. Este enxeñeiro de telecomunicacións, cofundador de BQ, estivo á fronte de diferentes equipos multidisciplinares de alto rendemento e gran estabilidade, integrados por máis de 200 enxeñeiros de software, tanto en BQ como no Grupo MásMóvil.
A última participación da xornada será a cargo de Chema Alonso, membro do Comité Executivo e CDO de Telefónica, que abordará a estratexia global da multinacional no ámbito da IA. Neste cargo, lidera a Innovación, Data, Plataformas e Produtos e Servizos Dixitais, así como Telefónica Open Gateway, a iniciativa para abrir as redes da compañía para ofrecer capacidades telco a través de API globais e estandarizadas.

PUBLICIDADE