O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia levará ás súas instalacións un seminario técnico sobre WebLogic

martes, 22 de xaneiro do 2013 Redacción

O vindeiro 5 de febreiro o compostelán Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) dependente da Consellería de Traballo e Benestar organizará no seu salón de actos un seminario técnico sobre WebLogic, un servidor de aplicacións. No devandito seminario -que comezará ás 10:00 e se estenderá até as 13:30 horas- abrangueranse temas como a instalación, a configuración inicial, as ferramentas de administración e as diferenzas entre as versións 11 e 12 de WebLogic. Cómpre dicir que o encontro será impartido por Oracle e o relator da xornada será Roberto Nogueras -instrutor da equipa de formadores de Oracle University- experto en bases de datos Oracle, xestión de contidos e comercio electrónico.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, ou directamente dende a ligazón específica habilitada, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento. Engadir que esta xornada está encamiñada a persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre WebLogic, estando o prazo de inscrición aberto até o día 4 de xaneiro.
· Contidos da xornada:
1. Que é Fusion Middleware?
2. Procedemento de instalación e configuración inicial
3. Ferramentas de administración
4. Configuración JDBC
5. Introdución a JMS
6. Diferenzas entre as versións 11 e 12

PUBLICIDADE