O Centro de Novas Tecnoloxías acolle a presentación do programa de apoio aos empresarios linkStart

martes, 9 de xuño do 2009 Raquel Noya

Os seareiros das novas tecnoloxías que decote estamos a agardar pola chegada dalgún curso de formación ou a presentación dalgunha ferramenta nova coa que dar renda solta á nosa imaxinación e ampliar os coñecementos TIC, levabamos dende o pasado luns (no que anunciamos a chegada a Santiago da iniciativa da Fundación Inlea) co proxecto de nome linktoStart no punto de mira. O obxectivo: obter información de primeira man, tirando proveito da visita dos seus responsables a Compostela, e dar conta das vantaxes que ofrece á hora de formarnos e, se cabe, de desenvolver algunha empresa de éxito.
Niso precisamente consiste a iniciativa presentada hoxe en Conxo e desenvolvida pola Fundación Inlea en colaboración con Cisco e o CNTG (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia): en ofrecer o asesoramento dun grupo de expertos en economía, a formación empresarial necesaria e o acceso á financiamento que precisemos para “converter a nosa idea de negocio nun éxito”.
No acto de presentación do linktoStart, que tivo lugar ás 12:00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, participaron o director do devandito departamento de investigación, Alfonso Blasco, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Mª Díaz, quen tivo que desculpar a ausencia da conselleira de Traballo por mor dunha axenda apertada, e Xavier Simó, o director xerente da Fundación Inlea, quen, tal e como estaba previsto, contactou coa súa compañeira Isabel Pagonabarra para mostrarlle a tódolos asistentes o funcionamento desta ferramenta de formación virtual con todo luxo de detalles.
Entre outras cousas, este proxecto, que os seus responsables cualificaron de “gran oportunidade” para todos aqueles que teñan en mente unha idea tecnolóxica para desenvolver, é, en efecto, unha axuda para as persoas con iniciativa propia que non saben moi ben por onde comezar para levar a cabo o seu proxecto sen correr o risco de que saia mal.
Para participar nesta actividade, que se está a probar a modo piloto en España, os interesados teñen ata o vindeiro 30 de xuño para inscribirse; data na que remata o prazo para enviar a súa idea de negocio e poder beneficiarse das vantaxes de linktoStart, que se resumen basicamente en: “acompañamento tecnolóxico e experiencia empresarial, acceso a financiamento e formación executiva” coa entrega dun diploma acreditativo ao final da experiencia ou, mellor aínda, cun diploma acreditativo e coa empresa posta a punto para comezar a dar beneficios.

PUBLICIDADE