O Centro de Intelixencia Artificial incorporará os primeiros enxeñeiros en Informática en setembro

xoves, 27 de agosto do 2020 S. P.

O Concello de Ourense informou esta semana da vindeira incorporación de tres enxeñeiros informáticos ao novo Centro de Intelixencia Artificial que inicia a súa andaina na cidade das Burgas. Segundo fixo saber o Goberno local, trátase dos primeiros enxeñeiros TIC que traballarán no centro, e farano a partir do 15 de setembro. Os tres técnicos acompañarán ao director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial, David Olivieri para avanzar na posta en marcha do novo proxecto que desenvolve o Concello de Ourense en La Molinera. A eles uniranse trinta técnicos máis que o Concello prevé incorporar ao centro antes de que remate o ano.
“Queremos ser os mellores de España con este Centro de Intelixencia Artificial, unha disciplina pola que desde hai tempo apostamos como partido político de forma pioneira e que agora estamos facendo realidade”, explicou o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, engadindo que as instalacións coas que conta La Molinera son inmellorábeis para o devandito obxectivo, “ás que estamos reconvertendo en colaboración cun dos mellores científicos deste país, David Olivieri”.
Como dixemos, aos enxeñeiros que se incorporan o día 15 uniranse en datas vindeiras outros trinta, a través dunha convocatoria que o Concello prevé lanzar no mes de outubro, coa finalidade de que os técnicos elixidos estean operativos en Ourense no mes de decembro.

PUBLICIDADE