O Centro de Excelencia de Vigo incide nas novas oportunidades de negocio que abre a responsabilidade ambiental

martes, 2 de abril do 2013 Redacción

O Centro de Excelencia de Vigo celebrou os días pasados, nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo, un encontro profesional dirixido a pór sobre a mesma novos xeitos de sermos máis competitivos, eficientes e produtivos a través dun meirande respecto pola contorna natural na que desenvolvemos o noso labor. A xornada Innovación e medio ambiente na industria contou con gran afluencia de profesionais e público en xeral interesado en novas metodoloxías para mellorar a xestión sustentábel como fonte de rendibilidade nas PEME. Ao abeiro da xornada, expertos de diferentes eidos relacionados coa organización empresarial insistiron en que a posta en marcha de estratexias ambientais innovadoras mellora a actividade empresarial. Precisamente, José Enrique Rodríguez, xefe do servizo comercial da Delegación de AENOR en Galicia, recomendou aos empresarios refugar a idea de que a responsabilidade ambiental é un custo e animoulles a vela como un factor positivo que pode xerar novas oportunidades de negocio.
Nesta mesma liña, Carlos Sánchez, da Fundación para ou Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, analizou a existencia de diferentes programas de financiamento, como Horizon 2020, CIP Ecoinnovación ou Life +; aos que poden acceder todas aquelas organizacións que desexen innovar. Pola súa parte, Luz Ferreiro, responsábel do departamento de Medio Ambiente do Centro Tecnolóxico AIMEN, insistiu nos beneficios que ofrece a cooperación interempresarial neste ámbito e deu a coñecer algúns dos proxectos desenvolvidos por AIMEN. José Ramón Vázquez, xefe de Proxectos de Investigación de Aqualia, compartiu cos asistentes a experiencia do seu departamento de I+D+i no desenvolvemento soluciones eficientes para a depuración de augas. Vázquez explicou diferentes proxectos nos que traballan arestora para eliminar a xeración de refugallos ou para aproveitar a materia orgánica que se desprende dos seus procesos e convertela en produtos de alto valor engadido. Tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer o innovador proxecto que están a levar a cabo para conseguir crear unha illa autosustentábel na que todos os recursos sexan naturais.
Javier Cortón, responsábel de medio ambiente do Grupo Toysal, foi o encargado de presentar a actividade innovadora do Grupo no eido da xestión de refugallos, salientando a instalación dunha planta de tratamento de aceites a bordo dun buque como o seu proxecto máis importante, xa que se trata da única instalación destas características existente no mundo actualmente. Por último, David da Varga, director de Sedaqua, spin-off da Universidade de Vigo, especializada en sistemas ecolóxicos de depuración de augas de baixo custo, explicou os beneficios que achega o sistema desenvolvido pola súa empresa para o tratamento de humidais. Aproveitando a gravidade e outros factores ambientais, conseguiron reducir, até un 95%, o custo da depuración de augas tanto no ámbito doméstico como no industrial.

PUBLICIDADE