O Centro Tecnolóxico do Barbanza achega formación programadora para loitar contra o desemprego
venres, 20 de setembro do 2019
O
CTBarbanza (Centro Tecnolóxico
do Barbanza S. Coop. Galega), de
cuxa posta en marcha falamos os días pasados en Código Cero,
está a impulsar estes días a súa vertente formativa. Segundo nos
conta Jorge Parada, un dos impulsores da cooperativa informática, o
equipo de CTBarbanza vén de organizar un curso de formación para
novas e novos programadores, unha actividade directamente encamiñada
a pór freo ao desemprego local. Fixérono con GDoce e, segundo
informan, están pendentes agora dunha presentación oficial a través
do Clúster TIC Galicia, que se celebrará o día 25 deste mes.
Neste
acto de estrea ante os medios e ante o sector dixital (e doutros
sectores), os integrantes do centro tecnolóxico resolverán todas as
dúbidas que poidan xurdir e atenderán as posíbeis propostas para
mellorar o temario que poidan xurdir entre as empresas presentes na
cita.
Ademais,
a cooperativa informa de que segue a traballar para afianzar unha
colaboración activa con empresas da zona, “para que as alumnas e
alumnos que cumpran cos requisitos de calidade que nos impuxemos,
poidan ser candidatos a postos de traballo das mesmas”. O obxectivo
é poder presentalas e presentalos cun proxecto persoal a xeito de
carta de presentación.
Quen
precise máis datos sobre a iniciativa formativa do CTBarbanza, pode
velos na web https://zerodayfullstack.es,
onde se poden descargar o temario e máis a organización do curso.
O
equipo
A
cooperativa vén da man dos seguintes profesionais das tecnoloxías:
·
Jorge Parada Fernández (Ribeira). Desenvolvedor FullStack, con 15
anos de experiencia en múltiples linguaxes, como Java, TypeScript,
Php, Phyton, etc.
·
Daniel de la Concepción Fernández (Ribeira): Desenvolvedor
FullStack con 6 anos de experiencia, nos que ten pasado tamén por
varias linguaxes de programación, e plataformas de desenvolvemento.
Dende aplicacións móbiles nativas a páxinas web e servizos de
backend.
·
Fernando Ferro Cebreiro (Boiro). Técnico de Sistemas, que ten
participado no deseño, instalacións, montaxe e mantemento de
infraestruturas de redes con máis de 150 computadores con uso
intensivo.
·
Tania Rodríguez Cadillo (Ribeira). Deseñadora gráfica con cinco
anos de experiencia, especializada en fotografía comercial e deseño
web.
·
Gustavo Llovo (Ribeira). Enxeñeiro técnico en Informática, experto
en desenvolvemento de proxectos, xestión de datos e de sistemas e
organización de eventos informáticos (por exemplo a UxíaNet de
Ribeira).