O Centro Tecnolóxico Gradiant duplica os seus socios

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant enfiou novembro con importantes novidades. Entre as máis destacadas, foi quen de duplicar a súa cifra e socios e incorporou á entidade financeira Abanca no seu padroado, que xa está formado por 13 entidades. Abanca tamén formará parte do consello empresarial do centro, que dobrou o número de socios nos últimos 2 anos e no que actualmente se agrupan 18 grandes compañías. Este órgano traslada aos directivos de Gradiant as necesidades tecnolóxicas das empresas.
O padroado de Gradiant está formado polo tres universidades públicas galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), oito das principais empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) que operan en Galicia (Altia, Arteixo Telecom, EGATEL, Indra, Plexus, R, Telefónica e Televés, ás que se une Abanca) e a asociación Ineo, que agrupa a máis de 60 sociedades do devandito ámbito.
O consello empresarial de Gradiant está composto polos patróns empresariais da fundación e as compañías Cellnex Telecom, FINSA, Grupo Nova Pescanova, Gsertel, Hispasat, PSA Groupe, TRedess e Vodafone. Tres delas (Cellnex Telecom, Indra e Telefónica) cotizan no Ibex 35.
Benvida oficial
O presidente do consello empresarial de Gradiant, José Luis Albo, deu a benvida ao director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao, novo patrón en representación do banco galego, que asistiu a semana pasada, por vez primeira, á reunión do consello empresarial e agradeceulle o seu apoio no “desenvolvemento tecnolóxico de Galicia”.
Na reunión do consello empresarial analizouse a axenda estratéxica de Gradiant para o período 2021-2024, marcada polo plan de recuperación establecido polo Goberno español, con axuda da Unión Europea, tras a crise social e económica xerada pola COVID-19.
13 anos de andaina
En 13 anos, Gradiant constituíuse como un referente do sistema estatal de I+D+i e nun dos principais socios para as empresas galegas na mellora da súa competitividade tecnolóxica. Desde a súa constitución, Gradiant desenvolveu proxectos para máis de 200 compañías de Galicia, especialmente pequenas e medianas empresas. Cun persoal que alcanza os 100 empregados, en 2019 rexistrou unha facturación de 4,7 millóns de euros e puxo en marcha máis de 70 proxectos.
Gradiant concluíu desde o 2007 máis de 340 proxectos. O 85% dos mesmos comercializáronse e están a ser utilizados por diferentes compañías. Entre elas, as multinacionais Boeing, Eleven Paths, Microsoft, Navantia, Samsung ou entidades como a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

PUBLICIDADE