O Centro Ramón Piñeiro achega a versión definitiva de CoToVía, o conversor de texto-voz

venres, 14 de xullo do 2017 Redacción

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) presentou hoxe a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía. Segundo fixo saber o director científico do centro, Manuel González, trátase da versión definitiva dun sistema que fai posíbel a conversión automática texto-voz para a lingua galega. Ou sexa, que é quen de transformar en cadea oral as palabras escritas. CoToVía, engadiu González, será fundamental para automatizar as comunicacións da información e as relacións sociais. Estivo acompañado no acto de presentación polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen explicou que o CRPIH foi “pioneiro en desenvolver proxectos de tecnoloxía lingüística en galego coma o CoToVía”.
CoToVía é un proxecto interdisciplinar do CRPIH no que traballou un equipo integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (baixo dirección de Eduardo Rodríguez Banga) e de lingüistas da Universidade de Santiago de Compostela (baixo a dirección de Manuel González González). O seu obxectivo foi “construír un sistema de conversión automática texto-voz para a lingua galega”. Segundo lembraron no acto, ao longo dos últimos anos foron presentándose distintas versións até chegar “a esta definitiva”, a dada a coñecer hoxe, “construída con unidades pregravadas extraídas da lingua natural”.
Que é un sintetizador de voz?
González e García explicaron que os sintetizadores de voz serven para garantir a accesibilidade web a persoas con discapacidades visuais, pero son tamén fundamentais en todas as linguas no mundo da automatización das comunicacións, da información e das relacións sociais: en postos de información automatizados (servizos de banca, reservas de billetes, lectura de mensaxes por vía telefónica...), no ensino de idiomas, no ensino de lectura a nenos con dislexia, nas alarmas orais, na verificación de texto etc.
A versión definitiva de CoToVía púxose ao libre dispor de toda a comunidade como Creative Commons, cunha licenza GPL 3.0+, de maneira que pode ser utilizada libremente por calquera empresa ou usuario, coa única condición do recoñecemento de que os seus autores son o CRPIH e a Universidade de Vigo. O enderezo para a descarga é ftp.net-snmp.org.

PUBLICIDADE