O Centro Ramón Piñeiro (Política Lingüística) pon na Rede o segundo volume do Dicionario italiano-galego Galita

luns, 25 de setembro do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do Dicionario galego-italiano Galita, o primeiro dicionario bilingüe en liña que permite a conversión directa entre estas dúas linguas románicas impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Trátase dunha contribución do Centro Ramón Piñeiro coa catedrática emérita da USC, Isabel González.
Trátase, sinalou Garcia, trátase “dun proxecto pioneiro dentro da lexicografía contrastiva que, baixo a dirección da catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela Isabel González, facilita a difusión do galego máis aló das súas fronteiras como canle divulgadora da nosa cultura e da nosa fala”.
No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaria Xeral de Política Lingüística, tamén participaron a Isabel González, Armando Requeixo, secretario do dito centro e, a través de vídeo-conferencia, Manuel González González, coordinador científico do Ramón Piñeiro.
O Dicionario galego-italiano Galita é o segundo volume do Dicionario italiano-galego, elaborado en formato papel polo Centro Ramón Piñeiro no ano 2000 con preto de 15.000 palabras e que agora pode descargarse desde a páxina web do centro investigador.
Este segundo volume, cun lemario de 20.000 entradas e dispoñible desde hoxe na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, aparece agora no formato en liña para “acadar unha maior divulgación e mellorar as buscas, proporcionando unha ferramenta axeitada para un público o máis amplo posible grazas á difusión que a información acada a través de Internet”, explicou o secretario xeral, engadindo que ambos os dous dicionarios forman parte do programa de investigación IGALEX, que baixo a dirección e coordinación de Isabel González, abrangue outros proxectos de orientación lexicográfica, como vocabularios de linguas de especialidade que poñen en contacto o galego e o italiano en sectores concretos tales como o turismo ou as belas artes.
Ao mesmo tempo, IGALEX realiza tarefas de asesoramento lingüístico para institucións e empresas do ámbito galego e contribúe á formación de estudantes de grao e mestrado desde a perspectiva da lingüística e lexicografía italogalegas.
Esta presentación enmárcase na programación do Goberno galego para o Día Europeo das Linguas, celebrado cada 26 de setembro desde o ano 2001. Unha efeméride que lembra a importancia e máis a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultura e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.
Neste senso, a Xunta prepara para este martes 26 de setembro un recitado multilingüe que terá lugar ás 20,00 horas nos soportais do Museo das Peregrinacións, onde un grupo de estudantes do instituto IES Arcebisbo Xelmírez I lerán poemas en distintos idiomas europeos e os traducirán ao galego.

PUBLICIDADE