O Centro Demostrador de Santiago acolle unha xornada sobre o potencial das TIC na xestión do lixo

xoves, 17 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A plataforma Teixo será unha das protagonistas da xuntanza divulgativa

As novas tecnoloxías teñen aplicacións útiles en todos os eidos que poidamos imaxinar. Se poden axudar a rendibilizar recursos, a optimizalos e a mellorar a xestión, é lóxico que teñan potencialidade universal. Dun tempo a esta parte estase a falar moito da aplicación destas tecnoloxías na mellora do tratamento dos refugallos. Botar luz sobre isto é o gran obxectivo da xornada Solucións Tecnolóxicas para a Xestión de Residuos cuxo obxectivo é facer un percorrido por distintas solucións que permitan incrementar a eficacia en materia do tratamento do lixo das empresas e entidades asistentes. O evento desenvolverase no Centro Demostrador TIC de Galicia, emprazado no barrio de Conxo en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.
A xornada celebrarase o 24 de novembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Diríxese sobre todo a aquelas empresas, entidades e institucións públicas que estean interesadas en coñecer novas ferramentas e servizos optimizar e mellorar o manexo, a xeración e o control dos refugallos.
A xornada é de balde, condicionada polo aforo do local. Para as persoas que queiran inscribirse, dicirlles que xa está aberto o prazo para facelo.
O programa estrutúrase do seguinte xeito:
10:00 h. Recepción de asistentes.
10:15 h. “Plataforma integral de Xestión de Residuos: TEIXO”
11:00 h. “Servizo de recollida e reciclaxe selectiva de CD e DVD: CEDERIKA’’
11:45h. Pausa
12:15 h. “Destrución documental certificada: DATAPACK”
13:00 h. Rogos e preguntas.
13:30 h. Fin da xornada.

PUBLICIDADE