O Centro Demostrador TIC amósalle o potencial das nosas tecnoloxías ao sector téxtil

venres, 9 de decembro do 2011 Redacción

Unha das prantas de fabricación da galega Inditex

O Centro Demostrador TIC organiza o vindeiro 15 de decembro unha xornada sobre Solucións tecnolóxicas para a modernización da Industria Téxtil, que servirá entre outras cousas para amosarlle ao noso tecido produtivo o que pode facer a nosa tecnoloxía innovadora a prol da súa mellora competitiva, de promoción, de busca de novos mercados e de xestión. A xornada, que se celebrará en horario de 10:00h a 13:45h, fará un percorrido por distintas solucións TIC, entre as que se conta, segundo informa o Centro Demostrador, “un sistema para o control do proceso de trazabilidade e outros procesos da cadea de valor, unha aplicación de intelixencia de negocio que axude aos directivos na toma de decisións estratéxicas para a súa empresa ou unha solución de xestión empresarial e planificación de recursos”.
O evento divulgativo-demostrativo diríxese sobre todo aos profesionais e/ou directivos das empresas galegas do sector téxtil. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local, previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE