O Centro Demostrador TIC amosa o potencial para as nosas empresas do sistema Oui!

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

O Centro Demostrador TIC vai dar acollida o vindeiro mes de febreiro a unha sesión demostradora sobre o sistema Oui!, plataforma da firma APM para a xestión empresarial que amosa, entre outras vantaxes, unha salientábel sinxeleza de uso no que se refire ao manexo da información e a integración de todos os elos dunha empresa nunha mesma cadea. A demostración celebrarase o vindeiro 4 febreiro ao abeiro dunha sesión chamada ERP, ese gran descoñecido que se desenvolverá en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Trátase, sinalan dende o Centro Demostrador, dunha actividade coa que se pretende dar a coñecer en profundidade que é un ERP (siglas en inglés de Enterprise Resource Planning, ou sexa Sistemas de Planificación Empresarial) e o que pode achegar na xestión dunha empresa. Na cita, afondarase nos aspectos que cómpre ter en conta no proceso de selección dun ERP ou como potenciar a competitividade da empresa a través da implantación dun sistema deste tipo. Ademais, como dixemos, presentarase Oui!, un sistema ERP para a xestión integral da empresa.
A sesión vai dirixida a profesionais na área de xestión, persoal directivo, mandos intermedios e empresariado. A empresa encargada da demostración será, precisamente, APM Management Tools.

PUBLICIDADE