O Centro Demostrador TIC acubillou case 80 actividades de presentación dende a súa posta en marcha

mércores, 18 de decembro do 2013 Redacción

O Centro Demostrador TIC cumpriu o pasado mes de xullo dous anos de actividade e daquela xa reflectimos en Código Cero unha bo feixe de cifras e froitos acadados. Agora, na recta final deste ano que remata, retomamos o fío do que se ten amosado xa como un recurso de primeira orde para que as nosas empresas do sector dean a coñecer os seus servizos, ferramentas e innovacións ao resto das empresas, ás institucións e á cidadanía por enteiro. Segundo informa a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), departamento do que depende o Centro, este xa acolleu un total de 78 actividades nas que participaron case cincocentas empresas.
Estas e outras cifras constatan, a xuízo da Axencia, que “este escaparate tecnolóxico está no vieiro de cumprir o triplo obxectivo que se marcou na súa posta en marcha”. E estas tres finalidades básicas son: por unha banda promover o uso das TIC entre as empresas galegas (foron 2010 os profesionais os que acudiron as demostracións do CDTIC desde a súa apertura e máis do 90% afirmaron acceder a produtos e provedores que non coñecían até o seu paso polo Centro), pola outra ofrecer ás nosas PEME do sector tecnolóxico-dixital un espazo para a difusión dos seus servizos e recursos a potenciais demandantes dos mesmos (xa foron 74 as firmas TIC que fixeron uso deste espazo e 93 as solucións amosadas, acadando un terzo das empresas participantes polo menos un contrato e preto da metade, peticións de orzamentos), pasando por un terceiro obxectivo que consiste en achegar a oferta tecnolóxica ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos. Sobre este último punto, dicir que como primeiro paso a tomar, o CDTIC traballa xa na identificación da oferta tecnolóxica de Galicia a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal (https://cdtic.xunta.es/mapatic/) directorio de provedores e solucións TIC galegas que na actualidade conta con preto de 225 provedores e máis de 550 solucións TIC.
Segundo informa AMTEGA, unha das novidades máis importantes introducidas no ano 2013 xurdiu grazas a colaboración entre o CDTIC e a Rede CeMIT, ofertando a posibilidade de seguimento a través de videoconferencia das actividades levadas a cabo polo CDTIC, para facilitar a participación de autónomos e microPEME de toda Galicia. Ademais habilitouse a posibilidade de seguir e interactuar cos relatores e participantes nas actividades do CDTIC mediante o uso das redes sociais.

Sala virtual do centro demostrador emprazado no barrio de Conxo, en Santiago


No que respecta ás actividades neste ano 2013, engade a Axencia, “puxéronse en marcha as Semanas TIC Sectoriais, enmarcadas dentro das accións encamiñadas á sensibilización sobre a aplicación TIC aos procesos produtivos da empresas a través dunha estratexia común, e grazas ao esforzo coordinado de diferentes axentes estratéxicos: administración pública e as asociacións empresarias dos sectores implicados”. Asemade, o téxtil tivo un papel de primeira liña na primeira Semana TIC no CDTIC, celebrada no mes de marzo que reuniu a máis de 131 profesionais de ambos os dous sectores. Lembrar que durante esta semana presentouse o Catálogo ModaTIC.gal (pdf) “unha mostra representativa de 40 empresas e 5 axentes de innovación no ámbito TIC existentes en Galicia, así como, un conxunto de máis de 70 produtos e servizos tecnolóxicos específicos para o sector téxtil”, explica a Axencia.
Durante o mes de abril preto de 130 persoas asistiron ao Obradoiro de Emprendemento TIC para o inicio de Actividades organizado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia (CPETIG). O obxectivo deste obradoiro era formar a aqueles profesionais que desexen iniciar actividades por conta propia, e para todos eles desenvolveuse unha guía de apoio ao inicio de actividades (en pdf). Xa no mes de setembro, comezaba o Programa de Asesores Tecnolóxicos, posto en marcha en colaboración co Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia, onde pequenas e medianas empresas dos sectores da construción, do mar e transformación de produtos da pesca, do agro, da alimentación e do ámbito dos autónomos teñen a súa disposición -e completamente de balde- un asesor en novas tecnoloxías da información. Ao remate do programa, estas PEME e autónomos contarán cun completo Plan Director de Implantación TIC personalizado onde se identificarán as mellores iniciativas TIC adaptadas as necesidades e obxectivos dos seus negocio. Tamén en setembro, o CDTIC amosaba A Comunicación Comercial no sector TIC para PEME do sector tecnolóxico-dixital, un programa centrado na filosofía do adestramento comercial co obxectivo de achegar categoría profesional á figura do consultor-comercial TIC, facilitándolle as ferramentas que lle permitan mellorar a súa metodoloxía de venda, a súa capacidade de expoñer en público así como a súa habilidade de adaptar a linguaxe en función das necesidades do cliente. “Este programa”, fai reconto AMTEGA, “tivo unha excelente acollida entre o sector, superando amplamente as prazas ofertadas inicialmente”.
Xa no mes mes de novembro, o CDTIC acolleu o Ciclo de Seminarios Prácticos de Xestión Empresarial con Software Libre, no que se amosaron oito solucións tecnolóxicas aplicadas ao negocio. Os máis de 130 profesionais de diversos sectores produtivos que acudiron a este ciclo de formación coñeceron da man de provedores TIC galegos de programación aberta ferramentas de xestión empresarial tales como plataformas de comercio electrónico, sistemas de xestión de relación cos clientes ou ferramentas para traballos en grupo.
Lembrar por último que o CDTIC ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O CDTIC, situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo en Santiago, constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego. Deste xeito, as empresas tecnolóxico-dixitais poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos máis axeitados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico. O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

PUBLICIDADE