O Carballo Interplay convértese mañá en mercado de contidos dixitais

mércores, 4 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Xa o avisaron as organizadoras e impulsoras do festival Carballo Interplay de webseries: este ano ían poñer o foco na cuestión empresarial propiamente dita, ou sexa, en xuntar creadoras de contidos dixitais e plataformas compradoras. Pois ben, mañá chega o intre de poñerse mans á obra, e facelo ao abeiro do chamado “Día PRO”, unha das grandes novidades desta quinta edición do certame bergantiñán, en palabras da organización “unha forte aposta por consolidar o seu rol de punto de encontro para o sector dos contidos dixitais”. Para iso, este 5 de abril, quinta feira, xuntaranse profesionais do ámbito creativo con medios de comunicación, produtoras e plataformas “para facilitar o seu posíbel contacto e colaboración”.
Segundo lembran dende a organización, os números acadados mostran o axeitado da proposta-convite: máis de cen persoas están acreditadas, entre elas representantes de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, VICE España ou Globomedia. "Ademais", engaden, "varias destas persoas tomarán parte en dous debates pola mañá, un sobre a conexión entre a televisión e os contidos nativos de Internet e outro sobre a produción audiovisual para novos medios". Por certo que os dous faladoiros serán retransmitidos en streaming a través da páxina de Facebook do Interplay. Á tarde está planificada unha xeira de traballo en rede con encontros entre as persoas participantes.
Amais destas sesións empresariais, está previsto (este xove) que se inicien tamén as proxeccións da sección oficial, é a estrea á noite de Hai vida en Bran?, a serie escrita, dirixida e protagonizada por Ángela Andrada que gañou no IV Carballo Interplay o Premio a proxecto de webserie en galego. Segundo lembran dende o festival, trátase dun “retrato da Xeración Xabarín” no que se conta a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, “despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo da banda deseñada, volve á casa da súa nai na pequena e aburrida vila de Bran, onde combaterá o tedio cun novo cómic que desbordará a súa imaxinación”.
Previamente, as catro propostas finalistas para esta edición do dito galardón defenderán os seus proxectos nun pitching público. Trátase de catro proxectos con distintos xéneros e enfoques, que implican dende profesionais con traxectorias relevantes a estudantes de audiovisual que se lanzan a producir. Por exemplo Sígueme, creada polos estudantes da USC Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos, unha produción galega que é unha intriga psicolóxica con reminiscencias de Mindhunter.

PUBLICIDADE