O Carballo Interplay arrinca cunha ollada aos novos talentos galegos de contidos dixitais

mércores, 8 de setembro do 2021 S. P.

Este 8 de setembro comeza finalmente a nova edición (a oitava) dun dos grandes eventos creativos da tempada: o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, organizado por Interplay Producións e o Concello de Carballo. O talento galego será o gran protagonista desta primeira xornada, cousa que se fará notar a partir das 10h30, no Pazo da Cultura de Carballo, coa celebración da actividade Masters da Internet. Nela, creadoras e creadores de series web, de podcast e de contidos para as redes sociais Youtube, Tik Tok e Twitch protagonizarán o que sería o primeiro encontro transversal de creación galega en lña. O acceso ás actividades do festival é gratuíto, previa retirada de entrada, e poderá verse en streaming a través das canles de Youtube, Facebook e Twitch do Interplay.
O Carballo Interplay, cuxas proxeccións arrincan esta tarde de mércores, ás 20.00 horas, coa estrea de Influenza, Lusque fusque e Unha viaxe da hostia (que colleron corpo a semana pasada no Taller Kamikaze), vai contar coa participación de Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis representativas da presenza da TVG na rede. Entre os Masters da Internet que analizarán en que momento se atopa a creación dixital en Galicia e que retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.
Día 9
O día 9 ás 13h30 terá lugar, tamén, un Café con CREA organizado pola asociación de realizadores e realizadoras de Galicia e protagonizado polas creadoras de e creadores de proxectos fundamentais no panorama das series web en Galicia: Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan), que moderará o debate. Tamén participarán na conversa Sandra Lesta, David Fidalgo, Jorge Boquete, Miguel Canalejo ou Pedro Brandariz. E, ás 17h00, proxectaranse as series web en galego que compiten na sección oficial do Carballo Interplay -Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades- coa presenza das súas creadoras e creadores.
Series web do futuro
Un dos obxectivos do certame é contribuír a "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3.000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.
O gañador da pasada edición do festival foi David Fidalgo, que volve ao Carballo Interplay para amosar -este xoves ás 21h00- os tres primeiros capítulos, o teaser da serie completa e parte do making of de Cacola, unha webserie de animación 2D dixital cunha estética cartoon con cores planas, animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.
Este ano competirán polo galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben afastadas. As súas creadoras e creadores participarán no pitching que terá lugar ás 19h00 no Auditorio do Pazo de Carballo, cando terán 10 minutos para defender o a súa proposta perante un xurado composto por Xose Regueira (concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (directora de actividades do Carballo Interplay). A serie gañadora estrearase na vindeira edición do festival.
Estas son as catro comedias en cuestión:
-Pulp Air
Un proxecto de Helfunk Studio (Anita Pico e Rocío López).
-Pringadas
Un drama come of age de Belén Puime Bao.
-Trela, Clínica de suicidios
Unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado dirixida por Cris Andina.
-Non son a túa avoa
Unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto.
O programa ao completo
-Mércores 8
20h00. Apertura
20h30. Estrea Kamikaze
-Xoves 9
10h30. Masters da Internet. 1º encontro transversal de creación galega en iña
Panel 1 | Youtube e Podcast con Olaxonmario, Nee Barros, Isaac González, Samuel L. París e Carme D. Prol. Modera: Alba Mancebo
Panel 2 | Tik Tok, Twitter e Twitch con Malva, Leti da Taberna, Jon Amil, Mira1cousinha e Agos Reigosa. Modera: Esther Estévez
13h30. Café con CREA: Conversas de serie web, con Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú). Modera: Lucía Estévez
17h00. Sección Oficial. Bloque Galicia VO: Arrieiros Somos, Dúo Vaguedades, Mataría MicroSerie e Pandemials.
17h00. Taller creación contidos con FREEDA. Outros xeitos de evolucionar na comunicación para chegar ás xeracións máis novas
19h00. En galego, en construción. Pitching de proxectos de serie web
-Non son a túa avoa
-Pringadas
-Pulp Air
-Trela, clínica de suicidios
21h00. Estrea de Cacola, serie de David Fidalgo gañadora do Premio a proxecto no VII Carballo Interplay
-Venres 11: Día PRO
10h30. O xiro cara o contido de actualidade. Debate e conciencia social: con Freeda, Canal 180 e Playz.
11h30. Contidos dixitais e innovación. Onde poñen o foco as canles públicas?: con RTP Lab e Televisión de Galicia.
12h30. Presentación produtoras e creadores dixitais de Portugal: Promenade, Galo Bravo, PiXbee, MT 360 / ManyTakes, Wonder Maria Films, Ankylosaur, Todos.pt
16h00. Sección Oficial. Internacional 1: Dominos 2, Historias Migrantes, Pepper, todo por un like e Refugee Roads.
17h00. AGADIC. Unha nova vía para a produción de series web. Con Dolores Meijomín, directora de política audiovisual da AGADIC.
17h30. Encontro PRO
17h30. Sección Oficial. Internacional 2: #WFH, Cross, Freedom Farm Sanctuary, Good Monsters e Mortal Glitch.
20h00. Pochosfera: momentos penosos da internet. Con David Pareja e Lorena Iglesias
22h00. Rajando con... Carolina Iglesias, Victoria Martín e Henar Álvarez
-Sábado 11
10h00. A Internet de mudar as cousas
Panel 1 | Activismo na Rede: Proyecto UNA, Ontologías Feministas, Cuellilargo
Panel 2 | Humor, precariedade xeracional e ilustración: Monstruo Espagueti, La Prados, Roberta Vázquez
13h00. Puedo hablar? Con Perra de Satán e Esnórquel
16h00. Sección Oficial. Internacional 3: Best Before (Meilleur Avant), Over And Out, Psicóticas Inseguras e What’’s Next?
17h30. Sección Oficial. Estatal: Amor superdotado, Backstage, Drácula, el vampiro gallego, I am Who I am, La reina del pueblo e Riders.
19h00. CFA Esnórquel: Maricón.mp4 – Miradas queer en 240p
21h00. Entrega de premios con Fer Epelde + Rebel Gardens.

PUBLICIDADE