O Carballo Coworking ponse ao servizo das persoas emprendedoras de Bergantiños e a Costa da Morte

xoves, 29 de abril do 2021 S. P.

O Carballo Coworking, centro de emprendemento, innovación e traballo colaborativo impulsado polo Concello e a Deputación da Coruña, está xa a pleno rendemento, atraendo, acubillando e asesorando novas empresas vencelladas (preferentemente) á cultura, ás novas tecnoloxías da información, á rexeneración urbana, ao benestar e aos servizos ás persoas, ao audiovisual, ao turismo e á economía social. Segundo informou o Concello, calquera persoa da contorna que teña un proxecto destas características e precise de recursos que lle axuden a convertelo en realidade, ten no Coworking local unha boa oportunidade para conseguilos. Neste intre, hai postos dispoñíbeis para favorecer o desenvolvemento de novos proxectos.
En concreto, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 12 iniciativas empresariais nas que traballan 16 coworkers procedentes de concellos da Costa da Morte como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo. Entre as persoas usuarias do novo espazo de traballo colaborativo atópanse 8 emprendedoras e emprendedores, que, ben de forma individual ou en grupo, están a traballar en 6 ideas-proxectos, aínda en fase de pre-incubación, destinadas á creación de empresas, na súa maioría enfocadas ao benestar e servizos ás persoas (asesoría empresarial, consultorías…), iniciativas que forman parte da economía social, cultura, novas tecnoloxías e audiovisual.
Nestes sectores tamén se moven maioritariamente as 6 novas empresas, nas que traballan 8 autónomos/as, cunha antigüidade non superior a dous anos de exercicio empresarial (fase de incubación), e que no coworking desfrutan da posibilidade de dispoñer dun local e máis dunha serie de servizos e infraestruturas que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito.
Equipamento e servizos
Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para un total de 18 postos de traballo, as persoas usuarias do coworking teñen á súa disposición un auditorio con capacidade para un centenar de asistentes; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas, sala de intercambio de experiencias e ideas, etc; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción e zona de administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais, conexión a internet de alta velocidade por cable e Wi-Fi.
O Carballo Coworking está aberto de luns a venres en horario continuado de 09.00 a 19.00. As persoas interesadas en tirar proveito dos seus servizos poden contactar a través da web coworkingcarballo.gal ou chamando aos teléfonos 661 064 895 / 881 983 520.

PUBLICIDADE