O Campus do Mar quere botarlle unha man á mocidade galega con empresas tecnolóxicas en mente

venres, 28 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A pregunta que se pode propoñer todo emprendedor tecnolóxico non se limita a como facer para pór en marcha o proxecto. Cómpre ter en conta o escenario que mellor lle pode acaer ao proxecto, igual que se estivéramos a plantar unha árbore e quixeramos saber onde pode haber máis humidade e petar menos o vento. Conscientes da importancia de termos moi en conta o espazo seleccionado para medrar, o Campus de Mar está a pór en marcha medidas para botarlle unha man á mocidade galega con novas iniciativas de mercado en mente. Ou sexa, con EBT en marcha ou a piques de comezar (Empresas de Base Tecnolóxica). O ideal di, é que o noso chanzo sexa un chanzo con ferramentas e estruturas de apoio. Achegar isto é o obxectivo do programa de Fomento de Cultura Emprendedora, Emprendemar, de Campus do Mar.
Esta iniciativa, a través de actividades de formación e sistemas de apoio, persegue a creación de competencias en administración e xestión de empresas e a creación de EBT. Unha destas actividades é a primeira edición do do concurso de preincubadoras de EBT, no que se premiarán iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica desenvolvidas por alumnado, PDI e PAS dalgunha das tres institucións académicas galegas, integradas en Campus do Mar. O certame, sinala Luis Fernández, director da Área de Transferencia do Campus do Mar, “constitúe unha das iniciativas do campus de excelencia internacional destinadas á xeración de EBT, xa non só polas facilidades loxísticas e estruturais que cada unha das sedes das preincubadoras achegará aos gañadores, senón tamén polo apoio que a nivel de coñecemento práctico pode fornecer o Campus do Mar grazas a súa estrutura e visión integradora e a súa capacidade de coordinación entre grupos de investigación mariña, tanto a nivel nacional como internacional”.
As persoas que desexen participar no concurso, que abriu este xoves o prazo de inscrición, deberán presentar antes do 30 de abril a documentación que se lles require nas bases da convocatoria á que concorrerán cunha idea de negocio emprendedora e innovadora de produtos, procesos e/ou servizos de base tecnolóxica, que estea relacionada coas áreas de especialización de Campus do Mar: Novas Tecnoloxías da Información e a Telecomunicación (TIC) aplicadas ao medio mariño, Biotecnoloxía mariña, Ciencias do mar, Tecnoloxía, Calidade e seguridade alimentaria, etc. A convocatoria contempla que se outorguen un máximo de seis galardóns, dous por cada unha das tres universidades galegas, que consistirán na asignación de espazos físicos gratuítos nas preincubadoras de empresas Campus do Mar, por un período dun ano. Tamén se lles facilitará acceso a ferramentas de formación e apoio na preparación do seu plan de mercado e na busca de financiamento público e privado e asesoramento xurídico-empresarial.

PUBLICIDADE