O Campus do Mar estrea faciana en Internet na procura da excelencia educativa

martes, 23 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Campus do Mar vén de apostar pola amplitude comunicativa e pola actualización constante na súa nova face en Internet. Segundo informa a Universidade de Vigo, de quen depende en parte o dito proxecto educativo, o obxectivo básico da remodelación é acadar meirande calidade e excelencia universitaria. Máis polo miúdo, e en palabras de Emilio Fernández (comisionado do dito Campus), do que se trata é de “reunir toda a información que se xera nos medios sobre o proxecto e, tamén, converter a web nun foro de debate para toda a comunidade e a cidadanía, onde se poidan coñecer todos os avances desta candidatura a Campus de Excelencia Internacional e todos os proxectos que se vaia concretando e pechando". Finalmente, a web será tamén o "xeito de unirse, a título persoal, á iniciativa”, puntualiza.
A web, que se presenta en catro linguas (galego, portugués, castelán e inglés), oriéntase como recurso de emprego común para tódolos internautas, que poderán saber que é un Campus de Excelencia ou afondar nas estreitas ligazóns que unen a Galiza co mar e coa investigación mariña.
Tal e como se dixo ao comezo do texto, un dos alicerces básicos da web é a súa arela de marchar cara a diante en constante renovación. En palabras do comisionado, o que se pretende neste senso é “ofrecer información puntualmente e dun xeito dinámico, non se trata dunha páxina na que ofrecer contidos estáticos, senón de coñecer os avances e os proxectos que vaiamos pechando”, apunta. Deste xeito, a páxina inicial recolle novas, en constante actualización, sobre o Campus do Mar e as referencias do proxecto nos medios de comunicación.
Con todo, Emilio Fernández salienta a capacidade integradora da web. Nela haberá unha escolma de todas as entidades e institucións parceiras e colaboradoras do proxecto, pero tamén dá a oportunidade á cidadanía, a título persoal, de expresar o apoio ao Campus do Mar. Por certo que o proxecto está xa presente tamén nas redes sociais, máis polo miúdo en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE