O Campus de Pontevedra impulsa un ciclo de obradoiros para crear especialistas na creación e difusión de contidos

martes, 16 de marzo do 2021 S. P.

O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán

O Campus de Pontevedra e as empresas E-goi e Dinahosting van achegar os días vindeiros un ciclo de obradoiros e conferencias virtuais para estimular, dende o alumnado e a comunidade docente e investigadora, a creación e a difusión de contidos na Rede. Trátase do ciclo Publi&Webinars, que se vai desenvolver a través de Campus Remoto entre os meses de abril e maio. Abordaranse cuestións relacionadas coa creación de espazos web e contidos multimedia e máis a difusión e promoción dos mesmos.
Organizado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o Consello Social da Universidade de Vigo e as empresas E-goi e Dinahosting, este ciclo de actividades virtuais, abertas tamén ao público en xeral, teñen como obxectivo “completar a formación do alumnado”, a través das achegas dunha serie de profesionais, varios deles formados na propia facultade.
Como explica Rolán, este ciclo, integrado por seis conferencias e talleres, nace co obxectivo de complementar os contidos de dúas materias, Produción publicitaria na web e multimedia e Proxectos interactivos en novos medios: web, dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente.
Os Publi&Webinars arrincarán o vindeiro venres 26 co relatorio Social ads en Facebook e Instagram, a cargo do egresado da facultade e xestor de proxectos na empresa Elogia Adrián Aira, quen afondará en como a “microsegmentación” que implican as redes sociais fai posíbel que os profesionais da publicidade poidan “crear campañas específicas”.
O 9 de abril, o ciclo continuará cun coloquio con María Xosé Saborido, responsábel de formación en Dinahosting, empresa que colabora con esta actividade proporcionando de xeito gratuíto o aloxamento aos espazos web que o alumnado ten que desenvolver no marco da súa materia. Esta conferencia estará centrada en abordar “como se xestiona a atención ao cliente desde o punto de vista dos negocios web, que é tamén unha parte fundamental da comunicación dixital das empresas”.
O 13 de abril o consultor e experto en posicionamento de espazos web en buscadores, Wajari Velásquez, impartirá un relatorio titulado Claves SEO en 2021, no que achegará recursos para lograr un mellor emprazamento das páxinas creadas co xestor de código aberto WordPress.
Esa mesma semana, o venres 16, a participación de dous egresados da facultade, Ana Lage e Anxo Rey, permitirá que o ciclo se deteña na creación de podcasts, poñendo o foco en como estes titulados “converteron unha afección, que era ver series” no programa Rayos & Retruécanos.
O ciclo continuará o 27 de abril cun taller centrado en “como crear unha tenda online”, que será impartido polo consultor web Anxo Sánchez e que estará dedicado a Woocommerce, unha ferramenta de comercio electrónico para o xestor de contidos WordPress.
Por último, o ciclo pecharase o 7 de maio co coloquio E-mail márketing: buenas prácticas integradas en una estrategia multicanal, a cargo de Daniel Alves, responsábel de formación da emprega portuguesa E-goi.

PUBLICIDADE