O Campus de Pontevedra achega cinco actividades para converternos en expertos web

mércores, 4 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O profesor Xabier Martínez Rolán será o coordinador do ciclo formativo TIC

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra vai acoller este mes de marzo un programa de cinco actividades divulgativas sobre outras tantas vertentes informáticas, ao abeiro do ciclo Produción e promoción de produtos multimedia. O coordinador da iniciativa é o profesor Xabier Martínez Rolán e contarase coa colaboración docente das empresas Dinahosting e Quadralia. Tocaranse temas como a visualización de páxinas web e aplicacións móbil, o potencial das redes sociais na publicidades, as ferramentas para optimizar o rendemento dunha web e como realizar traducións para Wordpress.
O ciclo agrupa unha serie de “contidos transversais” relacionados coas tres materias que Martínez Rolán imparte este cuadrimestre: Desenvolvemento web, Deseño de aplicacións móbiles e Produción publicitaria. “A idea é abrir a mente do alumnado, amosarlle que non chega con saber facer unha web ou unha aplicación móbil, senón que hai que saber promovela, do mesmo xeito que para promover algo tes que saber como se desenvolven eses contidos”, salienta o coordinador do ciclo, que arrancará o martes 9 con Como camelarte Google a través do SEO, unha conferencia impartida pola egresada da facultade Carolina Buján, planificadora en DoGo Strategy, que trasladará ao alumnado unha serie de nocións sobre técnicas para mellorar a posición nos buscadores dunha páxina web.
Seguindo con esa mesma liña, a tamén ex-alumna Sarai Rodríguez, executiva de contas en Arde, abordará o 16 de marzo o labor de posicionamento de aplicacións nas tendas en liña para teléfonos móbiles.
O luns 23, o ciclo porá o foco na visualización publicitaria. Farao co relatorio Social ads: Facebook sabe máis da ti cá túa parella, do tamén egresado da facultade e xestor de proxectos en Elogia, Adrián Aira.
O martes 24, o ciclo continuará cun coloquio de Iván Expósito, responsábel de atención ao cliente de Dinahosting, sobre como optimizar unha web para facela máis eficiente, na que achegará ao alumnado unha serie de “técnicas para que a páxina teña unha maior velocidade de carga”.
Jesús Amieiro, responsábel técnico de Quadralia, pechará o 31 de marzo este ciclo con Como traducir Wordpress e o seu ecosistema ao galego, un obradoiro no que achegará ao alumnado unha serie de nocións que lles permitan sumarse a comunidade de colaboradores deste xestor de contidos web de código aberto.

PUBLICIDADE