O Campus de Ourense clarifica os enleados conceptos que acompañan ao diñeiro electrónico

luns, 21 de marzo do 2022 S. P.

Este venres 18 proseguiu no Campus de Ourense o Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito. Fíxoo cunha sesión centrada no diñeiro electrónico e os criptoactivos. Nela, Agustín Madrid, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, ofreceu unha perspectiva xurídica sobre esta cuestión explicando como “agora mesmo carecemos da normativa necesaria” neste eido.
A conferencia foi presentada por Susana González, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana da Facultade de Dereito, e Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo.
Cada conferencia deste curso está organizada por unha área diferente da facultade. Desta volta fo a quenda da Área de Dereito Mercantil. Na benvida a Agustín Madrid, destacouse a dilatada traxectoria do relator e a pertinencia de abordar unha cuestión de moita actualidade como é o diñeiro electrónico tanto desde o punto de vista económico como xurídico.
Na súa intervención o relator aclarou “conceptos erróneos” arredor del e dos criptoactivos e achegouse á realidade e os retos de futuro neste eido desde un punto de vista xurídico. Sobre o diñeiro electrónico apuntou que “uns medios o son e outros non aínda que os chamemos así”. Igualmente, sobre os criptoactivos indicou que “hai unha clase deles que encaixan co diñeiro electrónico e outros que non teñen nada que ver”. Así, detallou, “aínda que o diñeiro electrónico é un instrumento, un medio de pago que emprega as novas tecnoloxías, cando falamos de criptoactivos non só estamos falando de medios de pago, senón que en realidade na actualidade estanse a utilizar fundamentalmente como un instrumento de investimento”. Porén, indicou, “existe esa dobre vertente e desde o punto de vista xurídico é relevante ver os aspectos do seu uso como medio de pago ou como instrumento de investimento”.
No que respecta ás criptomoedas, Agustín Madrid explicou que “o seu propio nome leva a confusión. Dicimos que son cripto, porque empregan tecnoloxías criptográficas, en concreto blockchain, e o de moedas refírese a que é un instrumento de pago, un equivalente funcional do diñeiro en efectivo, e non sempre é así”. Deste xeito, detallou, “chamamos moeda a algo que fundamentalmente se está empregando como instrumento de investimento e sobre todo de investimento especulativo e non como forma de pago”. Os que os teñen por exemplo bitcoins, apuntou, a primeira criptomoeda, “non os adquiren ou teñen para usalo para pagar a compra, o xornal ou un coche. Téñenos con outra finalidade”.
Neste contexto, o catedrático de Dereito Mercantil explicou que a nivel xurídico os grandes retos para o lexislador son dous. En primeiro lugar, introducir no ordenamento xurídico ferramentas que permitan configurar xuridicamente estes instrumentos. En segundo lugar, atribuír ás autoridades en materia monetaria, en materia de investimento, como por exemplo o Banco de España ou a Comisión Nacional do Mercado de Valores, as competencias para a súa supervisión.

PUBLICIDADE