O Campus de Ourense achega tecnoloxías para optimizar a calidade da colleita de Ribeiro

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Redacción

Predicir o resultado final da colleita de viño permitiría a un colleiteiro poder organizar as prácticas culturais, os traballos de bodega, a contratación de persoal ou seguros agrarios ou mesmo evitar fraudes por introdución de uva foránea. Isto é o que pretende acadar o proxecto estatal levado a cabo por investigadoras/es da Facultade de Ciencias de Ourense (UVigo). No dito estudo, que quer establecer modelos de predición da colleita con varios meses de antelación para as variedades autóctonas de vide da Denominación de Orixe Ribeiro, estanse a analizar diversos parámetros como os requirimentos de frío e calor das vides. De ter éxito este proxecto, os colleiteiros poderán saber a finais de maio ou comezos de xuño a previsión de cantidade de uva que van recoller e disporán dunha aplicación para teléfonos móbil que lles indicará se é preciso ou non fumigar en cada intre.
E poderán facelo, coa axuda da app, atendendo non só ás condicións meteorolóxicas senón tamén á fase da vide e á existencia de patóxeno no aire, feito que contribuirá á redución de uso de produtos fitosanitarios, traducíndose isto na calidade do viño e na protección do medio ambiente e do consumidor, segundo Francisco Javier Rodríguez Rajo, investigador principal do proxecto.
Neste proxecto, titulado Estratexia para a optimización e desenvolvemento sostíbel da colleita de variedades autóctonas de vide da Denominación de Orixe Ribeiro, participa un equipo multidisciplinar de especialistas en viticultura, botánica, fitopatoloxía, aerobioloxía e modelización estatística con redes neuronais procedentes de diferentes entidades públicas e privadas, das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
En resumo, con este estudo preténdese establecer modelos de predición do inicio das diferentes fases fenolóxicas das variedades brancas de vide Loureira, Godello, Treixadura e Albariño mediante modelos fenoclimáticos que cuantifiquen as necesidades de frío e calor que condicionan a rotura da latencia e o posterior inicio do ciclo reprodutivo, prestando especial atención ás fases de floración e maduración. Tamén se avaliará a eficacia de fecundación de cada variedade, a viabilidade dos seus grans de pole e o seu grao de adaptación á comarca do Ribeiro.
Asemade, e tirando proveito desta información, as investigadoras e investigadores tentarán establecer modelos de predición da concentración de pole no aire e das esporas dos principais fungos fitopatóxenos na atmosfera dos viñedos do Noroeste de España.

PUBLICIDADE