O Campus de Lugo da USC organiza o seu I Certame de Videocreación

venres, 5 de abril do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aposta pola visibilidade das novas linguaxes coa convocatoria dun certame de videocreación, cuxa temática está estreitamente ligada coa do XV Curso de Primavera Andar, camiñar, marchar…, un programa de reflexión e debate promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade de Humanidades. O programa está dirixido polos profesores ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias e Max Jean Zins e coordinado pola decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, mantén aberto o prazo de inscrición ata o 9 de abril de 2019.
O I Certame de Videocreación, unha iniciativa organizada desde a Área de Cultura do campus de Lugo da USC e coordinada por Sabela Eiriz, pretende pór en valor e canalizar as inquedanzas creativas e da mocidade e tamén as novas formas de manifestación e expresión nas que a literatura conflúe co audiovisual.
Alén da aposta por valorizar as novas linguaxes e formas de manifestación cultural, os promotores desta iniciativa de carácter pouco menos que experimental buscan tamén render unha homenaxe póstuma a Isidro Novo, a xeito de recoñecemento das dúas innovadoras accións a prol de achegar a literatura, en particular, e a cultura, en xeral, á sociedade xa cos Círculos Líticos, xa coas Polafías. Daquela, os certame establece o Premio Isidro Novo, dotado con 300 euros en metálico, para a videocreación con mellor linguaxe literaria, un galardón semellante ao que o xurado outorgará tamén ao traballo máis valorado pola súa linguaxe audiovisual.
O I Certame de Videocreación do campus de Lugo da USC, cuxas bases están accesibles vía web, constitúe unha novidade na programación do Lugo Cultural de 2019. Trátase dunha iniciativa aberta á participación de todas as persoas interesadas, que poden achegar os seus respectivos documentos ata as 14.00 horas do luns 8 de abril.
As dúas videocreacións presentadas ao certame que acaden unha mellor valoración por parte do xurado serán proxectadas na última xornada do Curso de Primavera da USC Andar, camiñar, marchar... , no marco dunha sesión aberta ao público que se desenvolverá o 12 de abril, a partir das 16:00 horas, na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. Ao remate desta proxección dos traballos máis destacados procederase á entrega dos premios aos autores das dúas candidaturas galardoadas.

PUBLICIDADE