O Campus Terra inicia a formación 2023 cun curso sobre diagnóstico empresarial con Power BI

luns, 15 de maio do 2023 S. P.

O Campus Terra da USC abre este luns, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, o seu programa de formación complementaria específica co seminario Construír Dashboard Económico-Financeiro con Microsoft Power BI de 0 a 100, unha actividade organizada xunto co Colexio de Economistas de Lugo e que será impartida por Manuel Ramón Ramón.
O curso, estruturado en 14 horas de carácter presencial que se desenvolverán os días 15 e 16 de maio, en quenda de mañá e tarde, e homologado a efectos de formación continua obrigatoria para auditores e como formación para experto contable, capacitará ao alumnado para facer análises de carácter económico-financeiro para empresas.
A preparación e visualización dos estados financeiros de perdas e ganancias, balance de situación e estado de fluxos de efectivo, o estudo detallado do diario contábel, as técnicas de modelado máis apropiadas para deseñar dashboards financeiros e a xeración de indicadores clave de desempeño (KPI), tanto básicos como avanzados que orienten o deseño de estratexias empresariais, constitúen algunhas das cuestións tratadas no curso.
Outros cursos
O programa de formación do Campus Terra 2023 contempla, alén deste módulo formativo sobre Power BI, “un amplo abano de propostas formativas orientadas tanto aos axentes do sector produtivo, como a estudantes de grao e mestrado e a persoal docente e investigador da USC”.
A oferta, que se irá actualizando e ampliando nas vindeiras datas, pode consultarse na web, na que tamén está accesíbel o formulario de inscrición nas programas xa pechados, entre os que figuran as xornadas sobre ingredientes e aditivos na industria láctea alimentaria programadas en xuño na APLTA, ou nos cursos de iniciación á viticultura e enoloxía ou de elaboración de queixos.
Outros dos módulos xa incluídos no Programa de Formación do Campus Terra 2023 abrangue temáticas diversas que van desde o programa matemático MatchCAD, a hábitos e técnicas de estudo, control do estrés, xestión de tempo e orientado laboral, introdución ao manexo de drons, plataformas de IoT (Internet das Cousas), Intelixencia Artificial ou metodoloxías activas para o ensino innovador na sociedade do coñecemento.

PUBLICIDADE