O Campus Noroeste da UNED contará cunha televisión por Internet

mércores, 4 de marzo do 2009

O Campus Noroeste da UNED, integrado polas delegacións de Asturias, León, Zamora, Salamanca e Galicia, pretende pór en marcha unha canle televisiva pola Internet que utilizarán os distintos centros da universidade a distancia. A canle, proposta pola dirección do campus, será tanto un medio informativo para os estudantes como unha ferramenta formativa.
O servizo xestionará en directo e en diferido, mediante técnicas de streaming, tanto contidos académicos dos novos graos do espazo europeo como unha ampla oferta de cursos de formación continua, extensión universitaria e desenvolvemento cultural. Así, o Campus Noroeste da UNED programará para o vindeiro ano máis de 100 cursos de extensión universitaria ofertados polo profesorado do Campus e mais da Sede Central, que poderán ser seguidos polo estudantes tanto nos centros da UNED como nos seus fogares.
Tamén se prevé incorporar unha revista dixital que tratará, ademais de información de interese, artigos sobre os ámbitos do pensamento e da cultura dirixidos á cidadanía en xeral. Así mesmo, conterá seccións de docufórum e cinefórum, nos que documentais e filmes se verán acompañados por comentarios críticos de especialistas.
O proxecto vén na liña posta en marcha pola UNED de organización funcional dos seus centros en redes territoriais, os Campus, aos que lles outorgou o nivel de vicerreitorados da Universidade.

PUBLICIDADE