O Campus Industrial de Ferrol acolle a IX edición da FIRST LEGO League Galicia

venres, 3 de marzo do 2023 Redacción

O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, sábado 4 de marzo, a partires das 9:30, a novena edición da FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que participan un total de 44 equipos (22 na categoría FLL Challenge, 21 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) e máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia.
As presentacións dos Proxectos de Innovación terán lugar na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, o Xogo do Robot no Pavillón de Esteiro, e a entrega de premios, ás 16:00, no Auditorio Municipal. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
Ao longo da xornada, achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Jorge Dahl de Sobrino, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón, e a responsable de I+D de Gabadi, Laura Fernández, entre outras autoridades.

PUBLICIDADE