O Campamento Tecnolóxico da Tecnópole será en liña e contará cun centenar de participantes

luns, 4 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

Contra crises sanitarias e grandes desafíos como este da COVID-19 que estamos a vivir, nada mellor que coñecemento avanzado, investigación ciencia e desenvolvemento tecnolóxico. Facer que estes ámbitos boten raizames fortes e fondas nas novas xeracións é o gran obxectivo do Campamento Tecnolóxico de Galicia (T2W) que vén organizando o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) dende hai oito anos e que este 2020, por mor da actual situación que estamos a vivir, tivo que adaptar o seu plan de acción á fórmula virtual.
A edición online do campamento, a oitava en termos xenéricos pero a primeira virtual, celebrarase este verán. Participarán nela un centenar de mozas e mozas de toda a nosa Comunidade de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Poderán inscribirse até o 12 de xuño.
O T2W comezará o vindeiro 6 de xullo e finalizará o 17 de xullo. Celebrarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas.
Segundo informou a Tecnópole, nas súas instalacións en San Cibrao das Viñas (Ourense) habilitarase un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van a desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara á mocidade participante, “de maneira moi amena, práctica e innovadora”.
Haberá un amplo abano temático de obradoiros, nos que os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker, hacking, biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnológico) e retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de maneira multidisciplinar, abranguendo os eidos Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os alumnos iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.
O campamento ten un custo de 50 euros, que é o prezo do kit de materiais tecnolóxicos e científicos que se entregarán no domicilio particular de cada participante, unha vez formalizada a inscrición, para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micro-pipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros...
En palabras da Tecnópole, “o que se pretende con este campamento tecnolóxico online é adaptarnos á nova realidade e cambiar a forma de facer comunicación, mantendo o espírito de convivencia do campamento, posto que todas as actividades desenvólvense en equipo (aínda que de maneira virtual), mediante a formación de grupos de mozos da mesma idade”.
Este campamento tecnolóxico forma parte da aposta do Parque Tecnolóxico de Galicia pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Así, o Parque promove ademais outras actividades nesta liña como as Aulas Tecnópole (formación en ciencia e tecnoloxía para nenos de 12 a 18 anos), STEAM Kids Tecnópole (para nenos de 8 a 11 anos) e Galiciencia, a maior feira científica que se celebra cada ano en Galicia, na que os protagonistas son estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

PUBLICIDADE