O CPXG organiza dous webinarios sobre violencia simbólica contra as mulleres e xornalismo de datos

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anuncia a súa oferta formativa para os próximos meses, que consta dos seminarios en liña Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica, impartido por Isabel Menéndez (21 de outubro) e Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, por Miguel Rodríguez Fernández (25 de novembro).
Os cursos realizaranse en sábado, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación en liña do CPXG, e pode asistirse a eles tamén de maneira diferida. A inscrición está xa aberta e remata o mércores 18 de outubro para a primeira das actividades formativas, e o 22 de novembro para o segundo.
Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica é un curso que tenta responder á existencia dun metadiscurso regresivo nos medios e a cultura popular que se propón como discurso emancipador. “Trátase”, sinala o Colexio, “de mensaxes altamente ambiguas, que utilizan con frecuencia a propia retórica feminista para encubrir ideas profundamente antifeministas e ás veces abertamente misóxinas, xerando unha tensión discursiva entre emancipación e dominación que non é fácil resolver”. A formación estará impartida o 21 de outubro por María Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidad de Burgos, cunha carreira investigadora centrada na análise feminista das industrias culturais e o tratamento informativo da violencia machista e simbólica, ademais dunha dilatada traxectoria como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade e a prevención da violencia de xénero.
E o sábado 25 de novembro será a quenda de Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas. Nesta sesión farase un percorrido polas orixes e a teoría do xornalismo de datos, explicaranse as diferentes vertentes ou áreas de especialización que existen dentro del, darase conta da grande variedade de ferramentas e linguaxes de programación dispoñíbeis para as e os xornalistas e ofreceranse orientacións e consellos básicos para introducirse nesta corrente do xornalismo, así como recursos e cursos para continuar coa formación nesta materia. O curso impartirao Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, traballou como xornalista de datos na Press Association e desde 2019 é Editor de Datos en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.

PUBLICIDADE