O CPXG convoca unha bolsa para fomentar traballos xornalísticos multiformato (incluídas as TIC)

martes, 7 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Agora que non hai sector profesional ao que non lle afecte a crise, sendo a profesión xornalística unha das máis prexudicadas, chega precisamente da man CPXG unha iniciativa para botar unha man dentro do eido galego da comunicación. Máis polo miúdo, trátase dunha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Novagaliciabanco “para promover traballos relacionados coa realidade socioeconómica galega”. A primeira edición de iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos, é unha bolsa á que pode concorrer calquera colexiado do CPXG ou licenciado en Ciencias da Comunicación ou Xornalismo, tendo unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 6.000. No que a Código Cero e a nos temática (TIC) se refire, dicir que as novas tecnoloxías (webs, redes sociais) estarán no punto de mira dos responsábeis de iProx.
De feito, os traballos relacionados cos recursos tecnolóxico-dixitais constituirán un parte importante do material do que se nutra iProx para o seu punto de partida, xunto con traballos de reportaxe escrita xeral, proxectos de radio, audiovisual ou fotográficos. A través destes proxectos e as súas descricións e orzamentos aproximados os interesados en beneficiarse de bolsa poderán inscribirse formalmente en iProx. O xurado fará unha selección desas primeiras propostas e escolmará as que considere para unha segunda fase, na que se terá que describir o proxecto máis polo miúdo. Os traballos poderán ser presentados por unha ou varias persoas. Un xurado multidisciplinar, designado pola organización de iProx, determinará cal é o proxecto ou proxectos elixidos, aos que se lles asignará unha contía dun mínimo de 1.000 euros e un máximo de 6.000. En calquera caso, a suma total das bolsas non poderá pasar de 6.000 euros. A bolsa non poderá ser declarada deserta.
As propostas para a bolsa iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos deberán enviarse antes do 14 de xuño de 2013 a: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, San Pedro de Mezonzo, 36, 1º, 15701 Santiago de Compostela por vía postal ou en persoa. Tamén se poderá facer chegar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.com. O fallo do xurado darase a coñecer na primeira quincena de xullo.

PUBLICIDADE