O CPETIG presenta o seu orzamento para afrontar o vindeiro exercicio

luns, 27 de xuño do 2011 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) celebrou hai uns días a súa Asemblea Xeral Ordinaria, un acto que pon fin ao último exercicio do ente colexial no que se deron conta tanto das actividades levadas a cabo durante o ano, como das que xa están previstas realizar no vindeiro ciclo, sempre coa teima de asegurar a calidade das TIC no noso país.
Da man do seu presidente, Carlos Mata, o CPETIG presentou un completo informe no que se detallaban, entre outras cousas, as achegas realizadas polo Colexio dentro do Consello de Colexios de Enxeñaría Técnica en Informática de España, os resultados acadados ao rematar o ciclo e do desenvolvemento que tiña asinado coa Xunta de Galicia polo que se comprometía a levar adiante actuacións no ámbito da formación, da capacitación e da promoción das tecnoloxías da información no noso país.
O devandito documento tamén recollía o tema do establecemento da cota de colexiación e de reincorporación dos membros, así como a Conta Xeral de Gastos e Ingresos do exercicio.
Asemade, como é habitual nunha xuntanza destas características, na orde do día propúxose un orzamento elaborado pola xunta de Goberno para o presente exercicio, que permitirá seguir a dar respostas e solucións “aos múltiples problemas” que, segundo afirman, ten propostos a profesión.

PUBLICIDADE