O CPETIG prepara a celebración dun seminario sobre certificados dixitais e tarxetas criptográficas

mércores, 25 de agosto do 2010 Raquel Noya

O vindeiro día 10 de setembro, o telecentro de Santiago de Compostela vai dar acollida ao I Seminario de usos e aplicacións do certificado dixital e tarxeta criptográfica, organizado polo CPETIG, que se retransmitirá por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo para que poida ser seguido polo maior número de persoas posible. Este seminario, que por certo é de balde, ten como obxectivo fundamental a familiarización cos novos entornos de identificación usando certificados dixitais e tarxetas criptográficas, e as persoas interesadas poderán participar no mesmo realizando preguntas ou comentarios aos relatores dende cada telecentro.
Nestes momentos en que dende o 1 de Xaneiro de 2010 está vixente a lei de administración electrónica que debe impulsar o uso da tramitación electrónica, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia quere “colaborar nese impulso por unha parte formando á cidadanía no uso dos medios de identificación electrónica como son os certificados dixitais e por outra familiarizar ós usuarios na xestión das tarxetas criptográficas onde se almacenan os citados certificados”.
O seminario, que contará entre outros cos relatorios de Roberto Martínez, técnico de seguridade do INTECO-CERT e de Natalia Miguel Álvarez, da empresa C3PO, abordará tamén os aspectos legais da utilización destes certificados, e así, da man de Víctor Alberto Salgado Seguín, avogado-socio do Bufete de Dereito Informático Pintos&Salgado, ofrecerase información de utilidade sobre este campo.
Os asistentes á xornada, que terá lugar a partir das 16 horas, recibirán unha tarxeta con sistema de cifrado e identificación dixital CERES+WG10 FNMT-RCM certificada pola Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.
Para participar neste seminario, as persoas interesadas deberán cumprimentar unha inscrición indicando ademáis dos seus datos, o telecentro ao que desexa asistir. O prazo de inscrición é do 19 de agosto ao 6 de setembro.
O formulario para inscribirse neste seminario deberá ser remitido por e-mail a seminariocertificados@cpetig.org co asunto inscrición seminario certificado dixital ou por fax ao 981 937 831.

PUBLICIDADE