O CPETIG organiza o 28 de setembro a VI edición da Xornada de Informática Xudicial

luns, 12 de setembro do 2016 Redacción

A VI edición da Xornada de Informática Xudicial, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) co apoio da axencia AMTEGA e a dirección técnica de Víctor Salgado (avogado-socio do Bufete Pintos & Salgado) ten data de celebración, será o 28 de setembro na de sede de AFundación, en Santiago de Compostela, baixo o epígrafe Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en Infraestruturas críticas. Neste encontro participarán profesionais da ciberseguridade, tanto ao servizo de entidades públicas como de empresas privadas: Samuel Parra, avogado TIC; Francisco García Morán, conselleiro xefe TIC da CE; Iñaki Vicuña, director do centro de Documentación Xudicial; David Barroso, director executivo (CEO) de CounterCraft; Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional; e Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional.
A finalidade desta xornada é “contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica, nunha contorna de riscos que medran, e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas”. Asemade, outro dos propósitos é o de “informar e concienciar a estes profesionais dos avances en materia probatoria nos casos nos que interveña o factor informático no proceso”.
Igualmente, poranse en valor os importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial, así como a axuda que poden emprestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.
A quen vai encamiñada esta edición? Pois a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, inseríndose no compromiso do CPETIG de achegar formación para que o colectivo de profesionais da xustiza coñeza mellor a esixente nova realidade tecnolóxica.
Para máis información cómpre visitar a web da xornada.

Programa da xornada

Mañá
9.00 h - Recepción e entrega de material
9.30 h. - Presentación
10.00 h. - 1º Relatorio. Quo vadis privacidade? Claves do novo Regulamento (UE) 2016/679 Xeral de Protección de Datos; por Samuel Parra, avogado TIC, autor do blog de protección de datos de 2012 (premiado pola AEPD).
10.50 h. - 2º Relatorio. Política europea para a seguridade na Sociedade da Información; por Francisco García Morán, conselleiro xefe TIC da Comisión Europea.
11.40 h. - Descanso - café.
12.10 h. - 3º Relatorio. As TIC na Administración de Xustiza: Misión non-imposíbel; por Iñaki Vicuña de Nicolás, director de CENDOJ e ex director da Axencia de Protección de Datos de Euskadi.
13.00 h. - Mesa Redonda. Privacidade, seguridade e e-xustiza. É posíbel o seu equilibrio no século XXI?; Moderador: Víctor Salgado, avogado TIC, @abonauta.
14.00 h. - Xantar.

Tarde
16.00 h. - 4º Relatorio. A ciberseguridade ante as ameazas informáticas e a deepweb; por David Barroso, experto en Seguridade TIC, director executivo (CEO) de CounterCraft.
16.50 h. - 5º Relatorio. Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital; por Silvia Barrera, inspectora da UIT, Policía Nacional.
17.40 h. - Mesa Redonda. Os medios de proba dixitais: area entre os dedos?; Moderador-relator: Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional.
19:30 h. - Clausura

PUBLICIDADE