O CPETIG organiza en Compostela un seminario sobre informática xudicial

xoves, 5 de maio do 2011 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), está a organizar un seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica, que celebrará en Santiago de Compostela, os vindeiros días 10, 11 e 12 de maio, entre as 17:00 e as 21:00 horas.
A xornada, que se dirixirá principalmente a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e fiscais, servirá para que estes profesionais sexan informados e concienciados sobre os avances que se deron nos últimos anos en materia probatoria grazas ao uso das TIC, así como das vantaxes que conleva a incorporación das novas tecnoloxías a calquera proceso xudicial.
Con este seminario, o CPETIG pretende asemade, “sensibilizar a este sector sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática”, informaron.
A acción formativa desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a súa inauguración virá da man do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, e do presidente do CPETIG, Marcos Mata.
O relator convidado para abrir esta primeira xornada é o avogado Victor Salgado Seguín, socio do Bufete Pintos&Salgado, que abordará o tema do Dereito das novas tecnoloxías.
Na segunda xornada, que terá lugar o mércores 11 de maio, desenvolverá o seu relatorio o Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, Juan Salom Clotet, no que tratará o tema da investigación informática a partir da proba electrónica. A presentación desta xornada virá da man do vicevaledor do pobo e director de CESEDEN, José Julio Fernández.
A última das xornadas formativas, a do día 12 de maio, contará con dous relatorios: un sobre Protocolo Forense en Probas electrónicas, da man do xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo Seguín, e un segundo sobre Práctica Pericial Informática, que impartirá o responsable de Comisión de Visados do CITITA, Modesto Álvarez.

PUBLICIDADE