O CPETIG organiza dous seminarios sobre protección de datos e eExpediente na Administración de Xustiza

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

As novas tecnoloxías renovan potencialidades a velocidade de vertixe, e moita desta amplitude crecente de sistemas, servizos e posibilidades reprodúcese tamén en todos os eidos que se benefician das novas tecnoloxías. Por exemplo na Administración Electrónica, a eAdministración, se cadra un dos ámbitos evolutivos máis referenciais dos nosos días. Co obxectivo de informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da Administración Electrónica xudicial, así como dos beneficios da incorporación das TIC no proceso xudicial, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPTEIG, organiza os Seminarios sobre Protección de Datos e Administración de Xustiza e Expediente Electrónico na Administración de Xustiza.
Os seminarios desenvolveranse en Santiago de Compostela o día 17 de xuño, na sede da Escola de Administración Pública (EGAP), a partir das 16.00 horas; e en Ourense, o día 18 de xuño, na Facultade de Dereito, a partir da mesma hora.
Baixo a dirección técnica de Víctor Salgado, avogado especialista en lexislación sobre o proceso de datos, as xornadas van destinadas a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e outros funcionarios que realizan trámites na Administración de Xustiza en Galicia.
Nestes seminarios, cofinanciados pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), abordaranse distintos aspectos da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de carácter persoal (LOPD), así como a Lei 18/2011, de 5 de xullo, reguladora do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na Administración de Xustiza, co obxectivo “de dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementa a seguridade e a eficiencia na administración xudicial co uso de novas ferramentas electrónicas avanzadas”.

Axenda

Santiago (17/06/2015). Ourense (18/06/2015): 16:00 a 20:30 horas:

· 15:30 a 16:00 - Rexistro
· 16:00 a 17:30 - Relatorio I: Protección de Datos Persoais (1,5 horas). Relator: Víctor Salgado Seguín – avogado e socio do Bufete Pintos&Salgado
· 17:30 a 18:00 - Café
· 18:00 a 20:30 - Relatorio II: Administración de Xustiza e Procedemento Xudicial Electrónico: Casos de Implantación (2,5 horas). Relatores: Manuel Almenar Belenguer (maxistrado presidente da sección 1ª da Audiencia Provincial de Pontevedra) e Juan Carlos Aladro Fernández (fiscal xefe provincial de Pontevedra).

PUBLICIDADE