O CPETIG inaugura o seu ciclo sobre innovación na xestión de proxectos

venres, 4 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Actividade previa sobre xestión de iniciativas organizada previamente polo CPETIG

O camiño dunha boa xestión e dirección dos recursos dunha empresa para de xeito inevitable polas novas tecnoloxías do coñecemento. Dar a coñecer o moito que se pode ampliar a visión empresarial grazas á innovación tecnolóxica é un dos obxectivos do ciclo formativo que organiza este venres 4 e sábado 5 o CPETIG, Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. Máis polo miúdo, do que tratan estas actividades é de formar a profesionais galegos con vistas ao exame de PMP (Project Management Profesional). O ciclo, tal e como avanzamos hai unhas semanas, ábrese a tódalas persoas que estean no camiño de obter a dita certificación (profesionais e máis estudantes dos nosos tres campus), que entre outras cousas avala o coñecemento dos métodos do dito modelo de dirección de proxectos.
As actividades formativas están dirixidas polo coordinador de proxectos de banca na Dirección Xeral de Outsourcing de Tecnocom, PMP e EMBA, Carlos Jardón. O horario do obradoiro é (venres) dende as 16.30 até as 22.00 horas e (sábado) dende as 8.30 ata as 15.30 horas.
O ciclo formativo desenvolverase no Gran Hotel Santiago (Avenida Mestre Mateo 27) e para o mellor aproveitamento do mesmo “será necesario que os participantes teñan lido previamente a guía do PMBok”, informa o Colexio, que tamén lles recomenda aos participantes no curso que leven un computador portátil “co fin de poder realizar as prácticas que leva parellas a actividade”.
Project Management Professional, PMP
Segundo nos explica o Colexio de profesionais galegos, a certificación Project Management Professional (PMP) é, nestes intres, unha das máis requiridas por empresas de diversos sectores industriais: empresas de T.I., construtoras e incluso organismos públicos. “É a certificación que avala os coñecementos da metodoloxía de dirección de proxectos máis estendida no mundo; aplicable a todas as industrias, son xa máis de 240.000 os profesionais certificados en máis de 160 países que dirixen e xestionan os seus proxectos con éxito”, engaden fontes do colectivo de enxeñaría técnica en informática.

PUBLICIDADE