O CPETIG impulsa as vocacións tecnolóxicas femininas

luns, 14 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Cómpre seguir traballando para botar abaixo os muros que separan as mulleres das posibilidades formativas, laborais e creativas que ofrecen as novas tecnoloxías. Con este fin, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPETIG) vén de unir forzas coa Axencia Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), para facer arrancar unha campaña de sensibilización (a iniciativa Máis mulleres informáticas) que fomente as vocacións tecnolóxicas entre a poboación feminina, poñendo o foco nas novas xeracións. A campaña, enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent.
Segundo informa o CPETIG, a peza principal da campaña é unha peza audiovisual de 40 segundos, que se completa con tres colas de 20, orientadas a combater estereotipos e visualizar as capacidades das mulleres para os estudos de Informática. O vídeo pecha co seguinte proclama: Máis mulleres informáticas, programadas para que nada nos pare.
O fío argumental baséase en salientar a longa listaxe de aspectos positivos que abrollan da confluencia entre o ámbito profesional feminino, por unha banda, e o desenvolvemento das TIC, pola outra. Segundo explican as dúas entidades, do que se trata é de “utilizar como punto de partida as características emocionais e roles tradicionalmente femininos e, desde eles, facer unha transición natural cara a tarefas e responsabilidades propias do exercicio da enxeñaría informática”.

Vídeo da campaña

PUBLICIDADE